O Baxi Ferrol sufre un duro correctivo en Grecia

Olympiakós derrotou con facilidade ao Baxi Ferrol no partido inaugural da chave D na fase de grupos da Eurocup. Agás nos primeiros cinco minutos, no que o cadro galego foi por diante, o resto foi de dominio helénico. O conxunto do Pireo foi crecendo progresivamente até alcanzar una diferenza de 33 puntos. Co partido decidido, o Baxi desenvolveu o seu mellor xogo.

Olympiakós escapa no final

O comezo do partido foi moi exterior, con triplas ferrolás de Melia e Shaw, respondidas por outra da local Christinaki. Curiosamente, os equipos erraron cando atoparon lanzamentos desde a proximidade ao aro. O Baxi Ferrol tomou as primeiras vantaxes até que Olympiakós igualou cun dous máis un de Lambert, logo de apañar dous rebotes ofensivos seguidos (8-8).
Melia foi importante anotando, no reparto de pases desde a cabeza da garrafa e gañando rebotes ás musculadas pivotes co emblema do Pireo. As locais adiantáronse cunha tripla de Kollatou, completados por un roubo e contra culminada por Christinaki (17-12). A aleira grega tomou as rendas no ataque das helenas para dar un pequeno tirón no remate do primeiro cuarto. Galičková foi a mellor anotadora do cadro galego, que baixou a súa porcentaxe de tiro cando Olympiakós defendeu máis axustado.

Balóns perdidos e desacerto de Doogan

Un ataque con cinco lanzamentos permitiu a Baxi Ferrol rebaixar a diferenza de dez cunha canastra de Šotolová. Lino López foi sancionado cunha técnica ao reclamar dúas faltas das gregas, unha en cada taboleiro. O protesto non reactivou ao equipo e unha tripla de Karlafti obrigou ao técnico ferrolán a pedir tempo para cortar o 6-0 que volvía a despegar ao conxunto do Pireo.
Non fixo efecto porque o Baxi Ferrol perdeu o noveno balón, Castedo errou un tiro e Eke sumou a primeira falta permitindo dous libres a Fankam. Con 40-23, Doogan anotou no último segundo de posesión ao que engadiu o libre pola falta de Anastasopoulou. Logo, unha tampa de Eke, ao que engadiu dous puntos no correspondente ataque, impediu que as locais marcharan (40-28). Foi un parche porque Doogan chegou ao descanso cun 0 de 5 en triplas, todo o contrario que Christinaki, que fechou o primeiro tempo co seu terceiro acerto alén dos 6,75 logo do cuarto intento.

Frouxa defensa galega

Unha tripla de Maly e outra de Lambert pasaron a diferenza por riba dos vinte puntos na saída do segundo tempo. O mellor deses minutos foi que Doogan mellorou a porcentaxe de tres anotando as dúas primeiras que tentou. Era un momento chave para reaccionar, pero a mala defensa fronte á capacidade anotadora de Christinaki obrigou a López a pedir tempo polo 13-6 en pouco máis de tres minutos. Malia o espertar de Šotolová, con cinco puntos consecutivos, o Baxi Ferrol deixou fuxir ao rival por culpa dunha mala defensa. Outro tempo con 64-39 e un cinco novo sobre o parqué, tampouco mudou o roteiro do partido. Christinaki seguiu engatillando a súa metralladora para alcanzar 22 puntos e escapando de todas na valoración ao chegar ás 25 unidades. Outra tripla de Maly elevou a distancia por riba dos trinta (70-39). O partido tiña cor grega.

A mellor Doogan, o mellor Baxi Ferrol

Ao Baxi Ferrol só lle quedaba pelexar por non apañar unha derrota escandalosa. Afortunadamente, Olympiakós relaxou o ritmo no derradeiro cuarto e entrou por primeira vez en bonus antes de cumprírense os tres minutos e medio. As ferrolás buscaran o xogo interior con máis frecuencia que no resto do encontro. Cada equipo anotaba os seus ataques por iso a diferenza moveuse entre os 27 e os 29 puntos a prol das gregas. O partido rematou co único cuarto no que o cadro galego non foi inferior ao ático (22-22). Cristinaki, con 29 de valoración, foi a mellor do partido. No Baxi Ferrol o traballo máis recoñecido foi para a irlandesa Melia, que sumou 20.

Ficha

MÉRCORES 14/10/2026 (19,00 h.l.) Pavillón: ELEFTHERIA MOSCHATOU (Moshato-Grecia) (200)
OLYMPIAKÓS : 96 – BAXI FERROL : 68 (27-17) (45-28) (74-46)

OLY : Lambert (9), Christinaki (26), Ewodo (10), Maly (8), Fankam (16) – cinco inicial -, Bithikioti (0), Pendande (12), Karlafti (12), Beneki (0), Anastasopoulou (0), Kollatou (3). Tre. Ahmed Mbombo Njoya. Non xogaron: Sakellariou.
BAX : Šotolová (17), Shaw (5), Doogan (14), Priede (2), Melia (9) – conco inicial – Belošević (2), Martínez (0), Castedo (0), Galičková (9), Eke (10). Tre. Lino López.
Árbitros: Scholze (Chequia), Shalamberidze (Xeorxia), Mijalkovski (Macedonia do Norte).
Eliminadas: Non houbo.

Foto: Melia foi a mellor do Bax Ferrol en Grecia. © FIBA

Comparte éste artículo
No hay comentarios