O BNG leva a Bruxelas “a voz do agro e das vilas rurais” ante a “falta de oportunidades provocada polo Goberno do PP”

Bruselas, Bélgica.- 6 SEP 2022- Ana Pontón e ANA MIRANDA presentación no Parlamento Europeo como nova Eurodiputada. Photo Delmi Alvarez

A eurodeputada Ana Miranda coorganiza este xoves no Parlamento Europeo unhas conferencias en defensa do Dereito a Vivir e Permanecer no Medio Rural, “unha cita máis transcendental que nunca ante as negociacións sobre os futuros orzamentos comunitarios, que retiran recursos para a agricultura, a gandería e o desenvolvemento rural”.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende en Bruxelas o dereito a vivir e a permanecer no medio rural, no marco das Conferencias que coorganiza no Parlamento Europeo tituladas ‘Agricultura e Políticas de Cohesión Territorial: Dereito a Ficar na terra, Vivenda, Transporte e Servizos Públicos’, que se celebran este xoves 15 de outubro, centradas nas políticas comunitarias sobre agricultura, cohesión e desenvolvemento rural.

Unha delegación galega de zonas afectadas polo despoboamento, a escasa remuda xeracional ou o abandono e precarización dos servizos públicos participará nestas xornadas de traballo organizadas polo grupo parlamentar do BNG. Está composta por varios representantes do Bloque, como a alcaldesa de Samos, María Jesús López; o alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado; e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal; ademais dos deputados no Parlamento de Galiza especializados en temas agrarios, Sonia Vidal Lamas, Nino Fernández Fernández e Ariadna Fernández González.

A eurodeputada Ana Miranda destaca que “no BNG somos a voz do agro e das nosas vilas en Europa, a voz da xente que quere mellores servizos nas zonas rurais e, por iso, desprázanse até Bruxelas para traer as súas demandas ante a inacción e parálise do Goberno do PP, sen políticas de vivenda, transporte ou emprego para o rural”.

Até a capital comunitaria tamén viaxarán concelleiras e concelleiros do BNG das comarcas da Costa da Morte, de Bergantiños, do Deza, de O Condado-Paradanta, a Terra Chá ou os Ancares. Dirixentes dos sindicatos agrarios galegos de FRUGA e do Sindicato Labrego Galego tamén se desprazan na delegación a fin de participar nas reunións de traballo centradas en temas agrarios.

A conferencia sobre o “Dereito a Ficar no Medio Rural’ está estruturada en diferentes paneis. Nun deles participará o alcalde de Verea, Xosé Antonio Pérez Valado, alcaldía onde o Bloque obtivo unha maioría absolutísima con tódolos concelleiros da corporación municipal.

A delegación galega manterá encontros de traballo de alto nivel co Director Xeral da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Ricard Ramon, para trasladarlle as demandas do sector agrogandeiro de Galiza sobre as negociacións e o futuro orzamento da Política Agraria Común (PAC), xa que “ou vén o Bloque con esta delegación galega a falar directamente coa Comisión Europea, ou ninguén nos defende en Europa”, explica Ana Miranda.

“Estamos negociando os fondos europeos do vindeiro marco orzamentario comunitario e a posibilidade de que os Concellos poidan xestionar estes cartos directamente fronte a ofensiva de centralización proposta pola Comisión e defendida polo PP europeo”, sinala a eurodeputada do BNG, “un traballo que enriquecemos con achegas destas visitas de traballo”.

No marco da visita Bruxelas, os representantes galegos manterán encontros cos responsables comerciais da Comisión Europea para tratar o impacto no sector cárnico, avícola e apícola galego do Acordo de Mercosur, . respecto aos temas de despoboamento reuniranse co experto galego Serafín Pazos-Vidal, asi como con técnicos sobre a Política de Cohesión Territorial e Agricultura do grupo Verdes-Alianza Libre Europea no Parlamento Europeo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios