Katy Varela: “Cómpre realizar unha inspección dos regatos e leitos fluviais da súa competencia para identificar aqueles treitos que presenten acumulación de vexetación, residuos, ramas, árbores caídas, sedimentos ou outros obstáculos que poidan dificultar o normal discorrer das augas e así proceder a súa retirada para que non favorezan a acumulación de grandes masas de auga nas épocas de chuvia”.
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte defenderán unha moción no vindeiro pleno para instar a Concello e CHMS ao correcto coidado en mantemento dos ríos e regatos que percorren o municipio.
A voceira popular, Katy Varela, explica que “cómpre realizar unha inspección dos regatos e leitos fluviais da súa competencia para identificar aqueles treitos que presenten acumulación de vexetación, residuos, ramas, árbores caídas, sedimentos ou outros obstáculos que poidan dificultar o normal discorrer das augas” e así proceder a súa retirada para que non favorezan a acumulación de grandes masas de auga nas épocas de chuvia.
Neste senso, tanto a CHMS como o Concello de Monforte de Lemos deben de programar e executar, dentro das súas posibilidades orzamentarias e de acordo coa normativa ambiental, as actuacións de conservación, mantemento e limpeza que resulten tecnicamente necesarias nos leitos da súa competencia.
Recorda a voceira popular que todos os ríos, regatos e pequenos cursos de auga que atravesan Monforte constitúen un elemento fundamental do noso patrimonio natural e cumpren unha importante función ambiental, paisaxística e de regulación e evacuación das augas.
Por iso, o adecuado mantemento destes leitos resulta especialmente importante para evitar a acumulación de residuos, ramas, árbores caídas, vexetación ou outros obstáculos que poidan dificultar o normal discorrer das augas e favorecer situacións de risco, especialmente durante episodios de chuvias intensas, como aconteceu no inverno pasado.
“Resulta especialmente relevante que o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil desenvolven actuacións sobre os regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, dentro do proxecto dunha senda peonil e de restauración ambiental de máis de catro quilómetros”, explicou, ao que engadiu que “agora nos atopamos ante un novo proxecto controvertido deste equipo de goberno, pois esta senda afecta ata a 68 propiedades e podería derrubar tres vivendas”.
Por estes motivos, dende o Grupo Municipal Popular considérase necesario que se elabore un plan de mantemento e se execute antes de que veñan as intensas choivas que se sucederon o inverno pasado, sen esperar a construír unha senda que poida que non se leve a cabo.