Estrea en España da película portuguesa seleccionada para os Óscar

A sexta edición da Semana do Cinema Galego e Portugués reunirá en Vigo 16 películas de Galicia, Portugal, Brasil e África, con estreas en España e Galicia.

PONTES – Semana do Cinema Galego e Portugués celebrará a súa sexta edición do 22 ao 24 de outubro, no Museo MARCO e nos Multicines Norte de Vigo, cunha programación que reúne 16 películas de Galicia, Portugal, Brasil, Cabo Verde, Mozambique, Angola, Guinea-Bissau e São Tomé e Príncipe.

O principal destaque desta edición será a estrea en España de A Memória do Cheiro das Coisas, do realizador portugués António Ferreira, unha coprodución Portugal-Brasil de 2025 e candidata de Portugal ao Mellor Filme Internacional nos Premios Óscar 2027. A película, un drama intimista arredor dun veterano da Guerra Colonial e a memoria do seu pasado, clausurará a programación cinematográfica o 24 de outubro ás 20:00 h nos Multicines Norte.

A programación inclúe tamén varias estreas en España e Galicia, reforzando a vontade de PONTES de achegar ao público galego cinematografías que teñen escasa presenza nas salas.

O festival abrirá o 22 de outubro no MARCO, ás 17:30 h, co bloque de curtametraxes Ventura, formado por N’XKA BA SULU / VOU PARA ANGOLA, de Jéssica Lima —estrea en España—; Couraça, de Susan Kalik e Daniel Arcades —estrea en Galicia—; Latitude Fénix, de Welket Bungué, e As Mãos da Pulpeira, de Silvia Cachafeiro. Ás 20:00 h, nos Multicines Norte, proxectarase Hanami, de Denise Fernandes.

O 23 de outubro, o bloque Saudade reunirá no MARCO Porque Hoje é Sábado, de Alice Eça Guimarães; El Lago Silente, de Varo López; Hora de Mudar, de Pocas Pascoal —estrea en España—; Re-Volta, de Pedro Murad e Daniel Herz —estrea en Galicia—, e Procuro T, de Danilo Bastos Godoy —estrea en España—. Pola noite, nos Multicines Norte, será proxectado Amuleto, de Igor Barradas e Heraldo HB – estrea internacional.

O último día, o bloque Lembranças presentará O Corpo de Cristo, de Bea Lema; Anastácia, de Lilih Curi —estrea en Galicia—; O Véu, de Gabriel Motta, e Submergido, de Ariel Añez —estrea en España—. A programación completarase con A Memória do Cheiro das Coisas, candidata de Portugal aos Óscar 2027.

Cinema, formación e cooperación

PONTES completa a programación cinematográfica con Impulsa Cine, un espazo dedicado á formación, o debate e a cooperación audiovisual, que contará con unha masterclass e unha mesa de debate con profesionais de Galicia, Brasil e Mozambique.

O festival, organizado por Abella Producións, continúa así o camiño iniciado coa antiga Ponte Coa Lusofonía, coa vontade de consolidar Vigo e Galicia como un espazo de encontro e porta de entrada para as cinematografías galega, portuguesa, brasileira e africanas de lingua portuguesa.

PONTES será un evento carbono neutro

Nesta edición, PONTES reforza tamén o seu compromiso ambiental e será un evento carbono neutro, contando co Selo PRIMA de Mudanças Climáticas, promovido por PRIMA – Mata Atlântica e Sustentabilidade.

As emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas ao festival serán cuantificadas e compensadas mediante o plantado de árbores nativas na Mata Atlántica brasileira, contribuíndo á conservación dos ecosistemas e á mitigación do cambio climático.

Sedes

Museo MARCO – cortometraxes – 17:30 h – de balde Multicines Norte – largometraxes – 20 h – 4€

PONTES – Semana do Cinema Galego e Portugués
https://pontes.abella.gal/
22–24 de outubro de 2026 | Vigo Museo MARCO · Multicines Norte

Comparte éste artículo
No hay comentarios