O Festival Comarea xa ten datas confirmadas para a súa edición de 2026, que se celebrará do 3 ao 6 de decembro en Muxía. Deste xeito, o certame renova a súa aposta por converterse nunha data sinalada no calendario cultural de inverno da Costa da Morte, ofrecendo un formato que mestura obradoiros, directos en establecementos hostaleiros, propostas para a infancia e concertos de gran formato no Camping Lago-Mar.
Nado no ano 2015 co obxectivo de dinamizar a vida cultural de Muxía, o Comarea chega en 2026 á súa oitava edición. Tras a súa exitosa recuperación en 2024 e a consolidación alcanzada en 2025, o festival afiánzase como unha cita fixa na comarca. Máis aló dun evento musical, defínese como un manifesto a favor da cultura no rural, demostrando que é posible crear experiencias artísticas de calidade fóra dos circuítos urbanos e tamén fóra da tempada de verán.
O evento desenvolverase durante a ponte de decembro en diferentes espazos da vila, deseñando unha programación transversal para todos os públicos. Nos próximos días darase a coñecer o cartel completo de artistas, así como a apertura da venda de entradas para os espectáculos de pago, mantendo o equilibrio tradicional entre actividades de acceso libre e outras de carácter privado.
Un cartel ecléctico e de proximidade
Fuxindo dos cartaces estandarizados, o Comarea aposta por aquilo que non chega habitualmente á Costa da Morte: proxectos independentes, sonoridades híbridas e creadores en plena efervescencia, seleccionados baixo un criterio propio e afastado das modas comerciais. O resultado é unha proposta orixinal e ecléctica que combina a calidez e a escala humana dun evento de pobo co rigor dos grandes festivales internacionais de referencia.
A convivencia de xéneros diversos e a estreita proximidade entre o público e os artistas son o principal sinal de identidade dunha cita pola que xa pasaron figuras recoñecidas de niveis moi diversos, como Carl Craig (EE. UU.), Carlangas (Galicia), Fernando Costa (Andalucía), ANNA (Brasil), Guts (Francia), Raz & Afla (Reino Unido), Coco María (México), Omiri (Portugal), Toccororo (Gran Canaria/Cuba) ou Catuxa Salom (Galicia), entre outros.
Enraizados no territorio
O Festival Comarea está impulsado por Horta Creativa, unha cooperativa cultural que xestiona o proxecto de forma integral, dende a planificación inicial e a produción ata a organización e a difusión.
Vinculados profundamente á Costa da Morte, a entidade traballa no desenvolvemento de iniciativas que poñen en valor a riqueza cultural, a autenticidade e o produto local, xerando lazos de conexión reais entre a comunidade e a súa contorna natural.