A proposta recoñece a contribución da histórica banda coruñesa á cultura galega e á difusión da lingua propia.
O Concello da Coruña impulsará a modificación da denominación da actual rúa Alcalde Sanjurjo de Carricarte para que pase a chamarse rúa dos Diplomáticos de Monte Alto, en recoñecemento á traxectoria e á relevancia cultural dunha das formacións musicais máis representativas da historia recente de Galicia e estreitamente vinculada ao barrio coruñés de Monte Alto. A proposta foi aprobada este luns pola Comisión de Honras e Distincións, presidida polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
O informe elaborado polo Goberno municipal destaca que Os Diplomáticos de Monte Alto constituíron unha das principais referencias do movemento bravú e contribuíron de maneira decisiva á modernización da música galega, á normalización do uso da lingua e á proxección dunha identidade cultural contemporánea, aberta e integradora.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, salientou a importancia desta iniciativa dentro do proceso de actualización do rueiro municipal. «As rúas da nosa cidade tamén transmiten valores e memoria colectiva. Por iso consideramos necesario avanzar na substitución das denominacións vinculadas ao franquismo e á ditadura por outras que representen os principios democráticos e a diversidade cultural da Coruña actual».
A rexedora subliñou que o Goberno municipal aposta por incorporar ao espazo público referentes que formen parte da identidade colectiva da cidade: «Os Diplomáticos de Monte Alto representan o talento, a creatividade e o compromiso coa lingua e coa cultura galega. A súa pegada transcende o ámbito musical e forma parte da memoria cultural de varias xeracións de coruñeses e coruñesas. É de xustiza que a cidade lles devolva ese legado cun recoñecemento permanente no seu rueiro».
Fundados na Coruña a finais da década dos 80 arredor da figura de Xurxo Souto, Os Diplomáticos de Monte Alto convertéronse nun fenómeno cultural sen precedentes na música galega contemporánea. Como principais expoñentes do movemento bravú, mesturaron rock, ska, folk e ritmos populares cunha marcada defensa da lingua e da identidade galega, levando a súa música e a súa imaxinería ligada ao barrio de Monte Alto por toda Galicia. Discos como ‘Arroutada pangalaica’ ou ‘Parrús’ marcaron unha xeración e contribuíron a abrir novos camiños para a música feita en galego, convertendo á banda nun referente cultural que continúa a influír en artistas e proxectos musicais das xeracións posteriores.