CCOO alerta do risco de “colapso xudicial” en Galicia pola falta de persoal funcionario nos xulgados

O sector da Xustiza de CCOO de Galicia alerta de que a incorporación de 19 xuíces e xuízas e de nove fiscais na nosa comunidade —aprobada polo Consello de Ministros o pasado 13 de outubro— corre o serio risco de quedar en auga de borrajas e agravar a situación se non se dota aos xulgados do persoal funcionario imprescindible para tramitar os procedementos e executar as resolucións.

Para o sindicato, a simple creación de prazas para a judicatura e a fiscalía, desprovista dos medios humanos de apoio necesarios, non só non mellorará o funcionamento do servizo público, senón que empurrará aos tribunais galegos cara a un escenario de «colapso xudicial».

A proporción necesaria: sete funcionarios por cada novo órgano

CCOO recorda que a actividade dos xulgados e tribunais depende dunha cadea de traballo que esixe efectivos suficientes para asumir a tramitación, as notificacións e a execución efectiva das sentenzas. Estima a organización sindical que por cada nova praza xudicial é estritamente necesaria a dotación dun posto de letrado ou letrada da Administración de Xustiza, dous de xestión procesual, tres de tramitación procesual e dous de auxilio xudicial. Do mesmo xeito, lembran que as propias directrices da Fiscalía Xeral do Estado esixen dotar ás fiscalías de prazas de persoal funcionario nun número equivalente ao de fiscais.

Tendo en conta estes parámetros e as últimas incorporacións anunciadas, o sindicato calcula que a Xunta de Galicia debe crear de maneira inmediata 133 novas prazas de persoal funcionario.

Demanda á Xunta e convocatoria dunha mesa sectorial

Competencia exclusiva da Xunta de Galicia —a través da Dirección Xeral de Xustiza— en materia de medios persoais e materiais, CCOO exixe a convocatoria urxente dunha mesa sectorial para negociar e poñer en marcha este plan de reforzo de persoal.

A central sindical denuncia que a actual carencia de efectivos repercute directamente sobre as condicións laborais dos cadros actuais, que soportan unha sobrecarga de traballo insostíbel nun sistema xa cronicamente saturado, con sinalamentos que se demoran meses e graves dificultades para executar con axilidade as resolucións xudiciais. A esta situación estrutural, denuncian, súmase a improvisación na aplicación da nova lei de eficiencia organizativa, que na práctica se traduciu nun recorte de persoal e de dereitos laborais.

Por todo iso, CCOO insiste en que calquera ampliación de órganos xudiciais debe ir inexcusablemente acompañada dos recursos humanos correspondentes. A Xunta, conclúen, debe actuar decontado para evitar que a falta de planificación siga prexudicando gravemente a cidadanía galega e afogando aos xulgados da comunidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios