O BNG de Monterroso celebra que o alcalde rectifique e contrate a elaboración do Plan Municipal de Igualdade que rexeitou en 2024

Brais Vázquez: «O tempo dános a razón. O que o PP cualificou de demagóxico hai dous anos, agora convértese nunha actuación do propio goberno municipal».

O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso celebra que o alcalde decidise finalmente atender a proposta presentada polo BNG en febreiro de 2024 e procedese á contratación do servizo para a elaboración do Plan Municipal de Igualdade, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A formación nacionalista lembra que esta iniciativa foi defendida polo seu portavoz municipal nun pleno celebrado hai máis de dous anos, no que o goberno municipal do Partido Popular rexeitou a proposta e chegou a cualificala de «demagóxica».

O portavoz municipal do BNG, Brais Vázquez, considera positiva esta rectificación: «Alegrámonos de que o alcalde finalmente nos dea a razón e  asuma unha proposta que levamos ao pleno en 2024. O que daquela o PP desprezou e cualificou de demagóxico, hoxe resulta ser unha medida necesaria para o noso concello».

Desde o BNG sinalan que a decisión chega despois da aprobación do novo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2025, cuxa medida 448 contempla revisar os criterios de distribución dos fondos destinados aos concellos, tendo en conta, entre outras cuestións, a existencia de plans de igualdade aprobados, o investimento municipal nesta materia e as actuacións de prevención e atención ás vítimas das violencias machistas.

Neste sentido, Vázquez apunta que «o goberno municipal tivo dous anos para poñer en marcha esta iniciativa e decidiu non facelo. Agora, cando o novo Pacto de Estado introduce os plans de igualdade entre os criterios que se deben ter en conta para a distribución dos fondos, o alcalde cambia de opinión».
«Esta decisión demostra a importancia de presentar propostas útiles para Monterroso, mesmo cando inicialmente son rexeitadas polo goberno municipal. O noso obxectivo é que as iniciativas saian adiante e melloren a vida da veciñanza», subliña o portavoz nacionalista.

O BNG insiste en que a contratación do plan debe ser só o primeiro paso. O documento terá que partir dunha análise da realidade do municipio e establecer medidas concretas, con recursos e mecanismos de seguimento, para avanzar na igualdade entre mulleres e homes, previr as violencias machistas e atender as necesidades específicas das mulleres do rural.

«Non queremos un Plan de Igualdade que quede gardado nun caixón. Queremos un documento útil, elaborado contando coa participación da veciñanza e do tecido asociativo, que se traduza en políticas municipais reais», afirma Brais Vázquez.

Comparte éste artículo
No hay comentarios