O PSOE de Arteixo acusa a Calvelo de 18 meses de pasividade coa seguridade peonil na Avenida de Fisterra

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo segue a pedir explicacións ao executivo do Partido Popular pola total ausencia de instalacións para protexer aos peóns na Avenida de Fisterra, no tramo de saída cara á Laracha situado xusto despois do Telepizza. A formación denuncia que, ano e medio despois de advertir do perigo no pleno, a marxe dereita da vía segue sen beirarrúa e sen proteccións reais para a cidadanía.

O portavoz dos socialistas arteixás. Martín Seco,  lembra que en marzo de 2025 xa presentou un rogo formal no que se achegaban fotografías e probas enviadas polos propios veciños. Nelas comprobábase como o escaso espazo peonil, delimitado unicamente por uns pivotes de plástico insuficientes, é invadido de xeito constante por coches e vehículos de grandes dimensións, obrigando a nenos e maiores a camiñar pola calzada.

Seco amosa a súa estupefacción ante o feito de que, 18 meses despois daquela denuncia, a situación da zona sexa exactamente a mesma. O grupo socialista acusa ao alcalde, Carlos Calvelo, de desatender os problemas de seguridade máis elementais da veciñanza.

«Non estamos a falar dunha obra complexa de enxeñería, senón de poñer solución a un punto negro onde a xente moza e a xente maior arriscan a vida a diario para ir camiñando. Que transcorreran 18 meses sen que o Concello movese un só dedo demostra cales son as prioridades reais do Partido Popular», criticou Martín Seco.

Dende as filas socialistas fan fincapé en que a política de mobilidade do Concello non pode basearse en «esperar a que ocorra unha desgraza» para tomar medidas de urxencia. «Carlos Calvelo leva ano e medio sen dar resposta á denuncia dos veciños da Avenida de Fisterra. É inaceptable que os nenos e os maiores teñan que xogarse o tipo entre camións e coches porque o PP é incapaz de instalar unhas proteccións dignas ou construír un tramo de beirarrúa. Esiximos ao alcalde que actúe de inmediato antes de que teñamos que lamentar un accidente neste tramo», declarou o voceiro socialista, Martín Seco.

Por isto, o grupo socialista pide explicacións sobre as razóns da desidia do grupo de goberno nos últimos 18 meses para solucionar o perigo peonil denunciado en marzo de 2025 no tramo da Avenida de Fisterra de saída cara á Laracha, e se teñen algunha intención de actuar agora de xeito urxente ou van seguir paralizados ata que suceda un accidente grave.

Comparte éste artículo
No hay comentarios