Un club familiar é algo que moitas veces denominamos de xeito metafórico, pero que Juan Cabrejo este ano convirte en literal, ao formar a súa filla Sofía parte do equipo feminino que el adestra desde a súa fundación hai xa varias tempadas. Apenas iniciada na competición, xa deixa pegada desa bravura que caracteriza a quen leva o apelido Cabrejo e, ao igual que o pai, desempeña o seu posto na zona defensiva.
Por primeira vez xuntos na competición, viven a experiencia de compartir vestiario e adestrar nun grupo xa consolidado que, ademais de Sofía, inclúe outras caras novas que tamén se incorporaban ás azuis, ademais da canteira propia que Cabrejo pule nas categorías Base da Escola que leva o seu nome e dirixe na vila natal camariñana. Non sabemos se o futuro de Sofía pasará por medrar no verde e incluso, quen sabe, aspirar a seguir tamén a estela do pai nos bancos, un lugar onde as mulleres aínda son moitas menos e precisamos delas. Mellor mestre para emprender ese camiño non vai atopar que un orgulloso Juan Cabrejo, que vía partir a súa sobriña Aitana -xogadora estes anos- a Estados Unidos, pero que ten en Sofía ese corazón azul que segue latexando en clave familiar.