Elena Candia destaca que os orzamentos da Xunta avalan o modelo de cidade de Lugo cunha aposta sólida polas infraestruturas e as persoas

Elena Candia destacou que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 avalan o modelo de cidade que impulsa o goberno local, baseado en dous eixes fundamentais: as infraestruturas e o investimento nas persoas.

Candia puxo o foco no traballo desenvolvido polo goberno municipal para desbloquear proxectos, impulsar a súa tramitación e avanzar cara á súa materialización “conseguimos desbloquear proxectos que aparecían de maneira consecutiva en exercicios orzamentarios anteriores que pola inacción do goberno anterior non avanzaban”.

Neste sentido, citou actuacións como as obras de ampliación da protectora de animais, o parque canino de Fontiñas, o inicio das obras da Serra de Meira, o avance do proxecto de abastecemento e saneamento de Esperante así como os pasos dados para impulsar o futuro centro de saúde do Sagrado Corazón onde se prevén 600.000 euros para contratar o seu proxecto nos terreos xa son propiedade municipal.

INFRAESTRUTURAS PARA QUE LUGO AVANCE

Os orzamentos da Xunta prevén 7,9 millóns de euros para o corredor Nadela-Sarria; un investimento de 2 millóns de euros tamén en 2027 para avanzar, dende o consenso, na rolda Leste; así como 516.176 euros para Serra de Meira (Plan Paradai), entre outros.

No ámbito das infraestruturas e dos servizos municipais, tamén destacan os 248.200 euros destinados á protectora de animais entre 2026 e 2027 e a partida de 1,2 millóns de euros para a ampliación do Anxo Carro. A estas actuacións súmase o proxecto de abastecemento e saneamento na N-540, en Esperante cunha partida de 126.993€.

INVESTIMENTOS NAS PERSOAS E NOS SERVIZOS PÚBLICOS

A sanidade, a educación e a atención social constitúen outro dos eixes dos investimentos previstos para Lugo. Ademais dos 600.000 euros para contratar o proxecto do futuro centro de saúde do Sagrado Corazón, os orzamentos inclúen máis de 1,6 millóns de euros para a segunda fase do acelerador lineal do HULA e 870.000 euros para a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa.

No barrio da Residencia, está previsto reforzar os servizos sanitarios coa incorporación de recursos de saúde mental ao edificio que actualmente está sen uso, ampliando así a atención neste ámbito. Esta actuación permitirá aproveitar un espazo existente para achegar novos servizos á veciñanza.

En educación, prevese investir 1,3 millóns de euros para continuar as obras de rehabilitación integral no CEIP de Nadela, 483.400 euros para a ampliación do IES Muralla Romana e 180.000 euros para o CIFP As Mercedes. A estas actuacións súmanse a gratuidade das escolas infantís, da que se benefician máis de 1.300 nenos e nenas na cidade (investimento duns 3 m€); e os 4,7 millóns de euros destinados á acreditación de excelencia do Campus Terra no período 2025-2029.

O investimento social inclúe máis de 9 millóns de euros para o Bono Coidado no Fogar para un total de 1.800 beneficiarios; 3,34 millóns para o Servizo de Axuda no Fogar e un millón de euros para continuar as obras nas residencias públicas das Gándaras e da Milagrosa.

MÁIS OPORTUNIDADES DE EMPREGO E ACCESO Á VIVENDA

O impulso á actividade económica recolle tamén 100.000 euros para a ampliación do polígono das Gándaras que contará con máis de 2 millóns de m² de superficie.

A Xunta inviste 60 M€ para vivenda de nova construción, 1,6 M€ en solo residencial.  Lugo é a terceira gran cidade de Galicia onde se desenvolven máis Vivenda de Protección Publica  con máis de 600. Ademais está previsto que neste ano se aprobe definitivamente o PIA do Sagrado Corazón ao que se destinan 1,9 M€.

Candia incidiu en que o modelo de cidade combina o impulso das infraestruturas co investimento nas persoas, pero tamén coa xestión necesaria para que os proxectos avancen. “O goberno local continuará traballando para desbloquear actuacións, completar os trámites pendentes e converter os compromisos en melloras concretas para Lugo e a súa veciñanza”, conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios