O Concello da Laracha valora mío positivamente a nova estratexia da Xunta para a implantación de plantas de Biogás

O Goberno local destaca que a futura normativa autonómica incorpora criterios de proximidade, sustentabilidade, participación pública e equilibrio territorial que vén defendendo desde o inicio da tramitación do proxecto de Soandres.

O Concello realiza unha valoración moi positiva da nova orientación anunciada pola Xunta de Galicia para a planificación das plantas de biogás, ao considerar que a futura Estratexia galega de fomento de pequenas plantas de biogás incorpora cuestións fundamentais que o Goberno local vén defendendo desde o primeiro momento na análise deste tipo de iniciativas.

O novo marco de planificación, incluído no proxecto de Lei de acompañamento dos orzamentos autonómicos para 2027, aposta por un modelo descentralizado, vinculado ao sector agropecuario e adaptado ás características e necesidades de cada territorio. Entre os criterios que deberán orientar a futura estratexia figuran a proximidade ás explotacións agropecuarias, a dispoñibilidade estable de materias primas, a redución dos transportes, a prevención de emisións e cheiros, a correcta xestión do dixestato e a participación pública e aceptación social dos proxectos.

O Concello considera especialmente relevante que a futura planificación autonómica incorpore estes elementos, xa que coinciden coas principais consideracións que o Goberno local trasladou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tanto nas alegacións presentadas ao proxecto da planta de biogás prevista en Soandres como nas reunións mantidas polo alcalde, José Manuel López Varela, coa conselleira Ángeles Vázquez.

Para o Goberno local, a iniciativa da Xunta supón un paso importante cara a un modelo de desenvolvemento do biogás baseado na sustentabilidade ambiental, na integración territorial e na adecuación das instalacións ás necesidades reais do sector agropecuario e das comunidades locais. O Concello entende que a futura estratexia permitirá avanzar nun marco máis ordenado e coherente para a implantación deste tipo de proxectos en Galicia.

Na mañá de onte luns, ás 8:30 horas, o alcalde reuniuse con representantes da Plataforma Stop Biogás A Laracha para trasladarlles a información relativa a esta nova orientación da planificación autonómica.
Un rexeitamento firme e unánime desde o primeiro momento

O Goberno local manifestou desde o primeiro momento o seu rexeitamento á planta de biogás proxectada en Soandres, posición que foi compartida por toda a Corporación municipal. O asunto foi tratado en tres ocasións no Pleno: en marzo aprobouse unha moción contra a instalación da planta, en maio deuse conta da presentación das alegacións e o 24 de setembro, hai menos dun mes, acordouse apoiar a iniciativa popular para analizar unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que prohiba a instalación de plantas ou industrias de xestión de residuos, produción de biogás ou similares en solo rústico do municipio cando exista afección a núcleos de poboación e bens do patrimonio cultural.

O Concello tamén realizou en abril unha reunión informativa aberta á cidadanía, na que se reiterou a posición municipal e persoal técnico explicou a situación administrativa do proxecto. Posteriormente, o Concello elaborou e puxo á disposición da cidadanía un modelo de alegacións para facilitar a participación no procedemento de avaliación ambiental, ademais de habilitar recursos para axudar na súa presentación.

O Goberno local reafirma o seu compromiso de seguir defendendo os intereses do municipio e da veciñanza, e de utilizar as vías administrativas e legais ao seu alcance para evitar que o proxecto da planta de biogás de Soandres poida levarse a cabo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios