Olalla Rodil: “O orzamento da Xunta non trae nada novo, o PP repite os anuncios de sempre e incluso rebaixa partidas respecto a 2026”

A deputada do BNG no Parlamento Galego por Lugo, Olalla Rodil, fixo unha valoración moi crítica do proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2027 no relativo á provincia de Lugo. Rodil afirmou que a proposta do executivo galego «non trae nada novo; o PP repite un ano máis os anuncios de sempre, rebaixando incluso algunhas partidas clave en comparación co exercicio de 2026».

Emerxencia habitacional: 15 anos sen vivenda pública

Rodil sinalou que Galiza atravesa unha «enorme emerxencia habitacional» da que fixo responsable directo ao Goberno galego, ao acusalo de «demoler a política social de vivenda e paralizar a construción pública durante máis duna década».

A deputada puxo a cidade de Lugo como exemplo desta paralización: «Entre 2009 e 2024 non se construíu nin unha soa vivenda pública na cidade, e a día de hoxe segue sen entregarse ningunha». Actualmente, as únicas actuacións en marcha son as 146 vivendas de Garabolos (na Avenida Paulo Fabio, parcelas C1 e B3). «Todo o demais son anuncios que non se van materializar de xeito inmediato. Ante este problema gravísimo, hai que actuar aquí e agora», enfatizou.

Para combater esta situación, o BNG anunciou que presentará emendas aos orzamentos para incluír unha partida de 240 millóns de euros destinada á compra pública de vivenda xa construída, o que permitiría mobilizar 1.400 vivendas en réxime de alugueiro protexido, con impacto directo tamén na cidade de Lugo.

Proxectos infraestruturais paralizados e partidas á baixa

A parlamentaria nacionalista denunciou que as contas de 2027 volven incorrer nas «mesmas promesas que se levan repetindo desde hai máis de 15 anos sen dar pasos concretos»:

  • VAC Costa Norte: A partida cae de 4 millóns de euros en 2026 a 3,1 millóns en 2027, a pesar de que aínda non se executou nin un só euro do orzamentado.
  • Plan Paradai (Lugo): Calca a habitual asignación de 500.000 €, sen avances reais.
  • Porto Seco de Monforte: Repite a partida constante de 500.000 €.

Atascos na sanidade pública provincial

No ámbito sanitario, Rodil puxo o foco nas demoras que acumulan as infraestruturas pendentes na provincia:

  • Centro de Saúde de Antas de Ulla: A pesar de estar incluído nos orzamentos, trátase duns traballos pendentes desde o convenio asinado en 2021. «A Xunta prometera comezar a obra a principios deste ano e nin sequera arrincou», lembrou.
  • Centro de Saúde da Milagrosa (Lugo): Acumula continuos atrasos que prexudican a 10.000 veciños e veciñas, obrigados a desprazarse ata o CIS da Residencia para recibir atención primaria.

«Se hai algo que caracteriza ao Partido Popular no debate orzamentario no que ten a ver con Lugo é fume, propaganda, incumprimentos e chapuzas», concluíu Olalla Rodil.

Comparte éste artículo
No hay comentarios