A Deputación da Coruña presenta catro guías de ‘A Paisaxe que Sabe’, protagonizadas polas persoas que dan vida ao territorio

As publicacións, editadas por 20xvinte, están dedicadas aos produtores e produtoras locais, restauradores e restauradoras, axentes de viaxes e prescritores e prescritoras da provincia.

 A Deputación da Coruña presentou esta mañá no Pazo de Arenaza as catro novas guías de ‘A Paisaxe que Sabe’, unha iniciativa que pon o foco nas persoas que están detrás da riqueza paisaxística, gastronómica e cultural da provincia. Editadas por 20xvinte, as publicacións teñen como protagonistas a quen traballa cada día para manter vivo o territorio e transmitir a súa identidade: produtores e produtoras locais, restauradores e restauradoras, axentes de viaxes e prescritores e prescritoras.

Na presentación participou o vicepresidente, Xosé Regueira, quen destacou que o valor diferencial dunha paisaxe está nas persoas que a habitan, a coidan e lle dan sentido.  As catro guías constrúense arredor desas persoas, que non son simples acompañantes da paisaxe, senón as verdadeiras protagonistas das publicacións. A través delas, ‘A Paisaxe que Sabe’ reivindica os saberes locais, o compromiso co territorio e a autenticidade dunha provincia que se explica tanto polos seus espazos como polas vidas que transcorren neles.

Regueira subliñou que a iniciativa vai máis alá dunha publicación. “As guías son moito máis”, apuntou, destacando a súa capacidade para crear comunidade arredor dunha maneira diferente de entender o turismo, na que conten tanto as persoas que visitan o territorio como as que viven e traballan nel. “A provincia da Coruña conta con preto de 30.000 núcleos de poboación e 956 quilómetros de costa” engadiu Regueira. “Detrás desa diversidade territorial hai miles de persoas que, desde sectores como a produción local, a restauración e a actividade turística, contribúen a preservar a identidade e a enriquecer a experiencia de quen a visita”. “Son elas”, destacou o vicepresidente, “as que lle achegan maxia á provincia”.

O vicepresidente reivindicou tamén o amor e o cariño polo territorio como sinais de identidade deste modelo turístico, xunto coa vontade de facer as cousas “dunha maneira máis humana” nun contexto marcado pola deshumanización.

As catro publicacións buscan, así, dar a coñecer a provincia a través dos seus protagonistas, para dar visibilidade a esas voces e fortalecer a conexión entre paisaxe, produto, gastronomía e comunidade. Cada guía céntrase nun colectivo específico (produtores/as; restauradores/as; axentes de viaxe e prescritores/as), pero todas comparten unha mesma idea: para descubrir de verdade un territorio cómpre coñecer as persoas que o fan posible, os seus proxectos e a súa maneira de entender o lugar no que viven e traballan.

Comparte éste artículo
No hay comentarios