O Baxi Ferrol só puido competir de ti a ti contra o Mersin no primeiro cuarto. O cadro turco, actual campión da Eurocup feminina, tomou a primeira vantaxe ao pasar polo ecuador do primeiro cuarto e, a partir dese instante, foi incrementando a diferencia até dobrar ao galego no marcador. Lino López mostrou os seus recursos, pero as súas ferramentas estaban lonxe de ter a cualidade das de Yoldizoğlu Ceyhun.
Segundo partido da fase de grupos e segunda derrota para as ferrolás ante dous transatlánticos do baloncesto feminino como Olympiakós e o Mersin. As súas posibilidades de sumar algo positivo deberían verse a partir do seguinte compromiso ante as polacas do Ślęza, que tamén suman dúas derrotas. O partido será o próximo mércores en Breslavia. O máis emotivo foi o retorno á Malata de Gala Mestres tras un ano de ausencia pola súa maternidade.
O Baxi Ferrol traballa en defensa
O comezo impreciso, disimulado coas triplas de Šotolová, Burke e dous de Doogan, permitiron ao Baxi Ferrol tomar a primeira vantaxe. Mersin aproveitou o talento de Leite para anotar de xeito intermitente. O cadro turco, poderoso fisicamente, tomou a iniciativa coa segunda tripla de Burke unha vez superado o ecuador do cuarto.
Outra máis de Burke, engadida pola primeira de Samuelson, obrigou a Lino López a pedir tempo para que o cadro turco non fuxira (11-17). Entrou Castedo a dirixir e, con Melia aberta. parou a xeira positiva visitante.
O conxunto galego aplicouse defensivamente fronte ao músculo do conxunto otomán, forzándolle a atacar até o límite dos 24 segundos en varias ocasións. A 1:42 para o remate volveu Gala Mestres á pista recollendo o recoñecemento da Malata. Gran mérito defensivo do Baxi Ferrol no feche do cuarto, anulando todos os ataques do Mersin desde o tempo morto que solicitara Lino López.
O Baxi Ferrol tarda medio cuarto en anotar
A xigante Diaby, aproveitando o rebote ao seu propio erro, abriu a anotación do segundo cuarto. A defensa de axudas e a orde para fechar os rebotes volvían efectivo o traballo protección do aro propio. A mágoa estaba nos erros de lanzamento que facían ao Baxi Ferrol ir a un resultado baixo. Ataş anotou de tres o seu primeiro lanzamento antes que o cadro galego seguira sen anotar no seu terceiro ataque. Tampouco entrou a cómoda bandexa de Priede e Mersin subiu a diferenza a doce tras o 0-9, que obrigou a Lino López a volver parar o partido (14-26). Case medio cuarto demoraron as locais en anotar os primeiros puntos. Lográrono cunha superioridade perto do fondo para quebrar a defensa cun corte. Funcionou a segunda vez. Logo, Priede aínda poría a distancia abaixo dos dez. Thomas encargouse de dar outro empurrón ao Mersin até que Šotolová anotou de tres. Shaw mostrou pouca solidez en ataque e rematou o cuarto cunha falta sobre un apurado tiro de Leite, concedéndolle tres libres dos que anotou dous.
A Malata non perdoa a Leite
O Baxi Ferrol arriscou máis en defensa no comezo do segundo tempo e conseguiu que o Mersin estivera nun horizonte razoable para seguir dentro do partido. Dúas accións de Leite, das que saíu beneficiada, alporizaron ao público e a Lino López, que recibiu a técnica. Iso, e o gran traballo de Burke, permitiron que o Mersin dera outro tirón. Tamén coincidiu co mellor momento de Eke, que comezou a sacar partido da súa mobilidade na pintura turca. Tiña desvantaxe con Diaby, pero fixo moi bo traballo. Coma unha repetición dos anteriores cuartos, o Baxi Ferrol perdeu folgos nos últimos dous minutos e o Mersin superou os vinte puntos de vantaxe con catro seguidos de Diaby (36-59).
O Baxi Ferrol remata dobregado
O último cuarto iniciouse co protagonismo de Ataş, que anotou de tres a colocou unha tampa a Shaw. Mersin fixo un 0-8. Shaw parou a xeira desfavorable anotando un tiro libre. Lino López puxo a defender ao equipo nunha zona 2-3 logo que as turcas superaran os trinta puntos de vantaxe. Os árbitros tamén foron máis rigorosos coa defensa do quinteto turco, que entrou en bonus a 3:25 para o final.
Mentres, Shaw, non compensaba a súa escasa rendibilidade defensiva cun ataque minimamente aceptable, acabou con 2 acertos de 13 tiros. Pola contra, o cadro turco melloraba a porcentaxe de triplas. Thomas, no seu particular festival que a converteu na mellor do partido cunha valoración de 24, anotou dúas seguidas para dobrar no marcador ao Baxi Ferrol (42-85).
O actual campión do torneo mostrou todo o seu potencial na Malata e non deu opción algunha ao bravo conxunto da cidade naval.
Ficha
MÉRCORES 21/10/2026 (20,15) Pavillón: A MALATA (1.200)
BAXI FERROL : 42 – MERSIN : 85 (14-17) (25-39) (36-61)
BAX : Šotolová (7), Shaw (5), Doogan (14), Priede (2), Eke (5) – cinco inicial – Belošević (2), Martínez (0), Castedo (0), Mestres (0), Campos (0), Melia (3), Galičková (4). Tre. Lino López.
MER :Thomas (14), Leite (14), Samuelson (6), Burke (15), Ural (0) – cinco inicial – Adican (0), Akbaş (0), Ataş (13), Erçelik (0), Iagupova (5), Diaby (20). Tre. Yoldizoğlu Ceyhun.
Árbitros: Roxo Perdigão (Portugal), Mascarenhas de Oliveira (Portugal), Dooley (Irlanda).
Eliminadas: Non houbo.
Foto: Doogan anotando ante Iagupova. © FIBA