O Concello de Lugo reforza a limpeza do cemiterio de San Froilán e amplía o seu horario de apertura polo Día de Todos os Santos

Tamén hoxe se iniciou un operativo especial de limpeza que se prolongarará ata esa mesma data e inclúe traballos de desbroce, limpeza a presión e retirada de residuos.

O Concello de Lugo reforza os servizos do cemiterio municipal de San Froilán con motivo da celebración do Día de Todos os Santos, o vindeiro 1 de novembro, unha data na que numerosas persoas se achegan a visitar os seus seres queridos. Para facilitar estas visitas durante os días previos e posteriores á celebración, o camposanto permanecerá aberto de forma ininterrompida, de 9:00 a 19:00 horas, desde o domingo 25 de outubro ata o luns 2 de novembro, ambos os días incluídos.

Paralelamente, o Concello,  está a desenvolver un plan especial de limpeza que se prolongará ata o 2 de novembro. O dispositivo contempla actuacións tanto no interior do recinto como nos accesos e na contorna, co obxectivo de manter estas zonas nas mellores condicións durante o período de maior afluencia de visitantes.

Desbroce dos accesos e limpeza da contorna

Os traballos de desbroce da Carretera Vella de Santiago e dos arredores do cemiterio están programados entre o 20 e o 23 de outubro. Para estas tarefas, o operativo conta con dous tractores equipados con brazo desbrozador, cada un co seu maquinista, aos que se suman catro operarios con desbrozadoras manuais e sopladores.

Tamén se realizan tarefas de limpeza na entrada principal do cemiterio e na súa contorna máis próxima, para retirar os residuos que poidan existir nestas zonas. Estes traballos están a cargo de dúas operarias, equipadas co material necesario e cun vehículo auxiliar eléctrico.

Limpeza a presión dos corredores e das zonas pavimentadas

O plan inclúe actuacións específicas no interior do recinto. Os días 22 e 23 de outubro está previsto realizar un fregado con equipos de alta presión no corredor central e na entrada do cemiterio, na zona onde se atopa a estrela.

Os días 30 e 31 de outubro, unha máquina hidrolimpadora, operada por un maquinista, realizará traballos de baldeo a alta presión en todos os corredores do cemiterio, tanto na zona antiga como na nova.

A estas tarefas sumarase o día 31 de outubro un baldeo mixto con camión cisterna de rega e baldeo, atendido por un condutor e un peón. Esta actuación abranguerá todos os corredores e as zonas pavimentadas do recinto.

Retirada continuada de residuos ata o 2 de novembro

O dispositivo complétase cun servizo continuado de baleirado de papeleiras  e o 2 de novembro.

Durante este período, dúas operarias realizarán estas tarefas co apoio dun vehículo eléctrico e dos medios materiais necesarios. Os residuos recolleranse nun camión colector tipo Minimatic.

Con estas medidas, o Concello busca facilitar as visitas ao cemiterio municipal durante a celebración do Día de Todos os Santos e reforzar, ao mesmo tempo, a limpeza e o mantemento do recinto e da súa contorna.

Comparte éste artículo
No hay comentarios