O Parlamento de Galicia esixe a Madrid “apoio real” para o marisqueo e axudas ás confrarías

O Parlamento de Galicia aprobou este xoves dúas iniciativas impulsadas polo Grupo Parlamentario Popular nas que se esixe ao Goberno central un incremento substancial do apoio e a protección ao sector marítimo-pesqueiro. As propostas poñen o foco nas necesidades urxentes das mariscadoras e na sobrecarga administrativa que sofren as 63 confrarías de pescadores de Galicia.

Desde o PPdeG instan ao Executivo estatal a adoptar medidas inmediatas que garantan a viabilidade económica dun sector estratéxico para miles de familias no litoral galego, indo máis alá de «promesas incumpridas».

Exención total das cotas á Seguridade Social para o marisqueo

A deputada popular Nazareth Cendán incidiu na urxencia de protexer ao colectivo do marisqueo —maioritariamente feminino— que, tras verse obrigado a suspender a súa actividade por causas de forza maior como temporais ou a mortandade do bivalvo, debe seguir afrontando o pago íntegro das súas cotas mensuais sen xerar ingresos.

Cendán cualificou de «incomprensible» o paralizado do proxecto de lei estatal que contemplaba estas exencións, acusando ao Goberno central de «mirar cara a outro lado mentres asfixia a quen non pode faenar».

A iniciativa, aprobada por unanimidade, insta á Xunta a esixir ao Instituto Social da Mariña (ISM) a aprobación inmediata dunha exención extraordinaria do 100 % nas cotas para o personal afectado sen cobertura por cese de actividade. A medida contempla, ademais, o mantemento da alta no Réxime Especial do Mar e o recoñecemento retroactivo dos períodos como cotizados.

«Esta iniciativa pide que as nosas mariscadoras sexan tratadas coa mesma xustiza coa que se tratou a outros sectores e que o Goberno cumpra as súas obrigas, xa que a Seguridade Social é competencia exclusiva do Estado», sentenciou Cendán.

Axudas compensatorias para as confrarías polo colapso estatal

Pola súa banda, a parlamentaria Dolores Hermelo defendeu a segunda proposta —aprobada sen votos en contra— para esixir unha liña específica de axudas destinada ás 63 confrarías galegas, que representan o 28 % de todo o Estado.

Hermelo alertou de que a falta de persoal nas Capitanías Marítimas e a dixitalización dos trámites (despachos e roles electrónicos) provocaron un desprazamento das tarefas administrativas do Estado cara ás confrarías. Estas entidades actúan agora como intermediarias sen recibir recursos a cambio, asumindo un sobreesforzo que non lles corresponde. «Non se lles pode cargar con funcións e responsabilidades que corresponden á Administración estatal», advertiu Hermelo.

Por iso, a Cámara galega demanda ao Executivo central a posta en marcha inmediata duna liña de axudas compensatorias para as confrarías e as súas federacións que supla a falta de medios estatais e evite o seu colapso administrativo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios