O Grupo Municipal do PP de Padrón vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno na que insta ao goberno municipal a adiantar as datas de lanzamento da campaña de dinamización comercial dos Bonos Padrón e a introducir diferentes cambios na mecánica da mesma para facilitar a participación da veciñanza e para incrementar as vendas totais.
O voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, lembra que o ano pasado o Concello de Padrón activou dita capaña do 1 ao 31 de decembro, repartindo un total de 20.000 euros, a razón de 2.000 bonos de 10 euros -cun máximo de 2 bonos por persoa- para descontar en compras mínimas de 20 euros.
Na súa opinión, e tras recibir diferentes suxestións de comerciantes locais, Rodríguez Conde considera que “no mes de decembro non é preciso incentivar as compras no comercio local, porque coa campaña do Nadal xa adoitan rexistrarse boas cifras”. Por iso, solicítalle ao executivo de Anxo Rei que adiante o lanzamento da campaña ao mes de novembro, para facela coincidir co período de transición desde o remate da volta ao cole ata o Black Friday. “Este tipo de bonos son unha boa iniciativa para fomentar as vendas, pero sempre e cando se incentiven en épocas de menor consumo”, apunta o voceiro popular.
Por outra banda, a moción do PP tamén reclama diferentes cambios na mecánica da campaña dos Bonos Padrón, sendo o máis relevante a utilización dunha ferramenta dixital semellante á dos Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia ou ás utilizadas noutros concellos, que simplifique e facilite os trámites tanto para os comercios interesados como para a propia veciñanza. “Hai solucións tecnolóxicas innovadoras para xestionar este tipo de campañas cunha usabilidade moi doada e intuitiva, que permiten realizar todo o proceso desde o teléfono móbil, sen necesidade de facer cola nin ter que acudir fisicamente a unhas dependencias municipais”, explicou Rodríguez Conde. Ademais, indica que esas aplicacións permiten coñecer en tempo real o importe global das vendas que se mobilizan con esta iniciativa.
Outra das modificacións que pide a moción do Partido Popular, a instancias de varios comerciantes, é o incremento do importe das compras mínimas para poder descontar os bonos de 10 euros, pasando de 20 euros a 40 euros, coa finalidade de incrementar notablemente o importe total que mobilizarán as vendas. “A algúns comerciantes o desconto do 50% en compras de 20 euros parécelles excesivo e suxiren incrementalo ata os 40 euros, para que no conxunto da campaña se multiplique a contía mobilizada”, explicou.