O Fabril caeu derrotado ante o Extremadura na matinal de Riazor. O cadro de Manuel Pablo, mostrando a súa inferioridade co rival en todos os aspectos do xogo, apañou cinco goles nun partido que ficou resolvido no primeiro tempo. O cadro de David Rocha, superior nun 90 por centro nos corners, anotou por medio de Kike Márquez, Manchón, dous acertos de Rodri e o derradeiro tanto de Sergi Molina. Manuel Pablo, que logo da derrota contra o Racing mostrouse máis seguro do equipo que cando a vitoria contra o Unionistas, deberá reflectir sobre o modelo de xogo ante a falta de condicións técnicas dalgúns defensas, salvándoo as carencias para montar o once polos convocados que foron co primeiro equipo e que son esenciais para o segundo.
Horrible primeiro tempo do Fabril
O Fabril viuse superado nos primeiros minutos polo Extremadura, que axiña se adiantou no marcador. Aos sete minutos, no primeiro córner do partido Dieguito puxo o balón no corazón da área e Kike Márquez cruzou de cabeza á rede.
Sen xogadores esenciais, convocados por Hidalgo para o primeiro equipo, o cadro coruñés deu durante todo o tempo mostras de inferioridade, fundamentalmente na defensa dos corners. Nos catro que lanzou o Extremadura nos 25 minutos iniciais non foi capaz de despexar algún deles. No último, Kike Márquez estivo a piques de facer o segundo estremeño atacando o balón no primeiro pau. A pelota ficou a centímetros do gol.
A mellor ocasión do Fabril foi no minuto 28. Robador salvou o disparo raso de Estévez, Justino recolleu o rexeitamento do meta, quen pleno de reflexos, tamén desviou. O último remate, malia que en fóra de xogo, foi para Guerrero, pero Robador, nun alarde físico incrible, rexeitou por terceira vez.
No minuto 33, o Fabril suicidouse cunha saída inexplicable. Hugo sacou coa man, en curto para Estévez, o mediocentro non foi quen de virar ante a presión de Kike Márquez e Manchón, perdeu a pelota na media lúa e o segundo fusilou comodamente a Hugo, que xa non soubo se aguantar ou saír a tapar.
O Fabril chegou outra vez á área estremeña no minuto 38, pero un defensa desviou o punteirolo de Quique na frontal da área pequena. Foi un espellismo porque o partido parecía entre dous equipos de diferente categoría. No minuto 43, superado o círculo central, Kike Márquez atendeu ao desmarque de Rodri, que recibiu na diagonal desde a esquerda para enfrontar a Hugo e batelo cun xute seco e cruzado ao que o meta nin fixo acenos de parar.
Grotesca desigualdade
Manuel Pablo modificou o seu once con tres novidades para o arrinque do segundo tempo, pero o Fabril demostrou non ter nivel técnico atrás para xogar como quere o canario.
Aos 51 minutos, nunha nova saída en curto de Hugo para Samu, o central non foi quen de soportar a presión de Dieguito na frontal, perdeu a pelota ante o extremo estremeño, que aproveitou para regalar o gol a Rodri. O ariete confirmou o dobrete ao recibir no centro da área e colocar a pelota onde non chegaba Hugo.
Yayo salvou o quinto ao lanzarse ao chan para rexeitar outro tiro de de Dieguito e Manu Serrano, que atopou o balón no segundo pau tras un córner, mordeu un disparo polo que o balón foi a rentes do poste.
O Extremadura anotou o quinto aproveitando a súa permanente superioridade nos córners. Como se xogara un equipo profesional contra un xuvenil, Yael centrou longo e Sergi Molina, con absoluta comodidade, cabeceou ao fondo da portería.
No minuto 70, Nordin perdoou o sexto nunha contra que concluíu ao pisar a área cun disparo contra Hugo.
O mellor do Fabril foi unha volea de Guerrero que desviou Robador, minutos despois, no 75, un disparo de Álvaro, no centro da área, que salvou Sergi Molina, e no 81, de novo o meta visitante chapou en dous tempos un disparo a ras de herba de Manu Ferreiro.
Partido para esquecer que mergulla pouco a pouco ao Fabril na zona de descenso.
Ficha
SÁBADO 24/10/2026 (13,00) Campo: RIAZOR (706)
R.C.D. FABRIL : 0 – C.D. EXTREMADURA : 5 (0‑3)
FAB : Hugo; Quique, Seco (Manu Ferreiro D), Samu, Xabi Campos; Guerrero, San José (Manu Serrano D), Álvaro, Estévez (Yayo D), Justino (Mauro 65’); Martín Ochoa (Iker Gil 80’). Tre. Manuel Pablo. (Banco: Leiva (); Pablo García; Iker Vidal; Mardones; David Domínguez).
EXT : Robador; Bekhoucha, Espejo (Cordero 71’), Sergi Molina, Álex Macías (Edu Sánchez 77’); Nordin, Luis Nicolás (Yael 59’), Manchón, Dieguito; Rodri (Goethler 59’), Kike Márquez (Iker Burgos 71’). Tre. David Rocha. (Banco: Liceras (g); Barace; Lecić; Chus Villar; Hugo Marín).
Goles: 0-1 Kike Márquez 7’; 0-2 Manchón 33’; 0-3 Rodri 43’; 0-4 Rodri 51’; 0-5 Sergi Molina 65’.
Árbitro: López Jiménez (Cataluña). Auxiliares: Van Esso Castellet e González Eguren Álvarez. 4º árb.: Pastoriza Iglesias.
Disciplina: CA: Samu 45’; Espejo 60’.