A artista galega revisita un dos temas de Epifanía en «Bailador (Puro Rebumbio)», unha versión producida por Berto que conserva as coplas orixinais e cambia a guitarra por unha base electrónica. O lanzamento chega acompañado dun videoclip dirixido por Xaime Miranda e gravado na Costa da Morte.
Descubre más noticias musicales como ésta
Sheila Patricia volve poñer o foco na tradición oral galega con «Bailador (Puro Rebumbio)», unha nova versión dun dos temas de Epifanía, o seu último álbum. A artista revisita a Ribeirana de Limiñoa (Ponteceso; informantes: Matilde Castro e a veciñanza de Limiñoa) para explorar outras posibilidades sonoras. O carácter das coplas tradicionais combínase cunha produción máis contundente e contemporánea.
O remix mantén intactas as coplas da versión do disco, pero cambia o acompañamento e a enerxía do tema. A voz e as letras seguen no centro, agora sobre unha produción que leva «Bailador» cara a un son máis electrónico e festivo.
A música e a produción levan a sinatura de Alberto Mira Cons, Berto. A súa colaboración con Sheila Patricia vén de 2023, dunha xuntanza creativa da que saíron «A nosa canción» e a primeira maqueta de «A Xeitosa». Daquela naceu tamén esta versión de «Bailador», que desde entón forma parte dos directos da artista e que agora chega por fin ás plataformas.
O videoclip: volver ao lugar da recollida
Dirixido por Xaime Miranda, o videoclip gravouse na Costa da Morte, preto do lugar onde se recolleu a peza tradicional. A canción volve así ao territorio do que procede. Nas imaxes participa o corpo de baile que acompaña a Sheila Patricia nos seus directos, formado por Iria Calvar, Lúa Cárdenas, Ana Hernández e Jaimi Neves.
«Bailador (Puro Rebumbio)» estará dispoñible en todas as plataformas dixitais o 25 de outubro ás 00:00 h, coincidindo co cambio de hora. Como di a artista, a idea é «escapar da escuridade» a bailar.
Sobre Epifanía
Publicado en decembro de 2025, Epifanía reúne boa parte do universo musical de Sheila Patricia, artista e compositora galega que explora as posibilidades da tradición oral a través dunha linguaxe propia. Con «Bailador (Puro Rebumbio)» recupera unha das cancións do disco para ofrecer unha nova lectura, esta vez con vocación bailable.