O Mirandés, que estreaba no banco a Aday Benítez como novo técnico, derrotou ao Racing nun partido que se xogou como quixo o cadro vermello. Antes que pasaran cousas, os casteláns adiantáronse cun gol de Raúl Martínez aproveitando a falta de contundencia do Racing nun saque de esquina. Cando o partido remataba sentenciaron co acerto do lugués Jorge.
Regalar un gol
Logo da derrota do Lugo, o partido de Anduva volvíase máis importante para o Racing. Unha vitoria deixaría ao cadro da cidade amurallada a tiro de outra dos verdes e afastaría máis ao Mirandés, un dos principais candidatos ao ascenso que comezou o torneo sen mostrar a solidez que se lle presumía.
O xogo comezou con Alcaina apañando unha falta demasiado dura para o momento e o lugar. O xesto podía atender ás declaracións do novo técnico jabato, Aday Benítez, que esixía agresividade aos seus homes. O lanzamento e o remate do propio Alcaina tamén deixaron ver que o Mirandés non mellorara nuns días a súa condición defensiva contra os centros laterais.
Non aconteceran grandes feitos cando o Racing concedeu o primeiro gol. A descoordinación para despexar saque de esquina foi agradecida por Raúl Martínez, quen aproveitou o choque entre Monjonell, Fabio e Bernal para anotar o 1-0 á reviravolta. Alcaina tentou salvar sobre a liña de gol unha vez superado Lucas.
A resposta racinguista foi un remate de Buján recollendo un centro de Saúl. O lateral mantiña a titularidade por segunda semana nunha competencia máis dura que a de Edgar na dereita, que seguía a estar de baixa Leal.
O Mirandés non deu máis opcións porque adormeceu o xogo. O Racing non era quen de atacar a defensa posicional. Arroyo non tiña espazo para romper desde segunda liña e o equipo non atopaba as distancias para facer circulacións fluídas.
O partido ficou plano até o descanso, ao que se chegou cunha caída na área de Pablo Pérez ante Buján, que revisada pareceu máis “flopping” que falta, e un último xute de Ojeda.
Falta de ideas e goal average perigoso
O segundo tempo deixou a sensación de que ía ter cousas distintas e imprevisibles porque comezou aberto. Ocasión de Unzueta tras outro córner mal defendido e falta sobre Buján perto da área, que Ojeda estivo a piques de anotar se non fora polo extraordinario desvío de Chus Ruiz na escuadra. O ex racinguista recuperaba a titularidade logo que Edgar Badía a tivera nas xornadas anteriores.
Javi Vázquez moveu o banco antes da hora. Era un home por home, pero cos novos, Álvaro Ramón e Eto’o, dando un perfil máis ofensivo ao equipo. No xogo de estratexia, Benítez refrescou a trincheira para volver a matar o partido.
O Racing acusouno, perdeu definitivamente a verticalidade ante un rival que minimizou riscos. O seu fútbol posicional abondaba para os tres puntos e tampouco prodigou contras. Deulle a pelota ao combinado racinguista para que a tocara onde non facía dano, como cando a un neno se lle dá un doce para que non moleste.
Os verdes, desta de branco, foron obedientes e desordenados. Así, rematando o encontro, concederon un gol en tres pases que partiu dun saque de porta. No último, Ukudun acomodou co peito o pase para que Jorge, correndo pola autoestrada Monjonell-Edgar, superara a Lucas.
O Racing, nun dos partidos importantes, non puido manter a boa imaxe dos anteriores. Desta non só lle faltou gol, pois tamén xogo ante un aspirante e volveu conceder nos centros laterais. Un paso atrás, nesa progresión da que fala Vázquez, que pon a dúbida sobre o comportamento do equipo ante os rivais fortes. Derrota en Lugo, derrota en Miranda co fantasma do pasado máis recente aparecendo cada vez que se produce iso. Ademais, os dous goles en contra complican a vantaxe dun goal average ante un posible empate final a puntos cos jabatos.
Ficha
SÁBADO 24/10/2026 (16,30) Campo: ANDUVA (2.854)
C.D. MIRANDÉS : 2 – RACING C. FERROL : 0 (1‑0)
MIR : Chus Ruiz; Peru, Joaquín, Navarro (De la Iglesia 82’); Rodri Val (Martín D), Auría, Raúl Martínez, Markel Lozano, Pablo Pérez (Arrillaga 54’); Dorrío (Jorge 82’); Unzueta (Uzkudun 68’). Tre. Aday Benítez. (Banco: Edgar Badía (g); Verde; Pedernales; Riki; Arón Rodrigo; Espinosa).
RAC : Lucas; Edgar, Monjonell, Germán, Saúl (Álvaro Ramón 57’); Buján (Ropero 79’), Bernal (Esquerdo 67’); Arroyo (Eto’o 57’), Fabio, Ojeda (Rubén Blanco 67’); Alcaina. Tre. Javi Vázquez. (Banco: César (g); David Castro; Sekou; Azael).
Goles: 1-0 Raúl Martínez 14’; 2-0 Jorge 89’.
Árbitro: Velasco Arbaiza (País Vasco). Auxiliares: Benlali Benabed e Domínguez Rubio. 4º árb.: Gutiérrez García.
Disciplina: CA: Dorrío 61’; Raúl Martínez 67’; Monjonell 80’; Uzkudun 90’.