A eurodeputada do BNG traslada ao executivo comunitario a necesidade de resolver xa o expediente aberto da AP9, ben sexa levando ao Estado español ante a Xustiza da UE por non rematar coa concesión ilegal ou acadando que o Goberno central “libere por fin a autoestrada do Atlántico”.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, esixiu durante o Pleno do Parlamento Europeo unha solución definitiva ao procedemento de infracción aberto contra o Estado español pola ampliación ilegal da concesión da AP-9 até o 2048.
Nun debate mantido coa vicepresidenta primeira da Comisión Europea, Teresa Ribera, responsable da área de Competencia, Ana Miranda lembrou que “segue aberto” o expediente contra o Estado español, polo que demandou “ao Colexio de Comisarios decidirse a ir ao Tribunal de Xustiza ou facer un acordo co Goberno español para que se libere por fin esa autoestrada do Atlántico tan importante para o noso país”.
“É importantísimo para as galegas e os galegos que esta cuestión chegue xa ao punto final”, destacou a eurodeputada do Bloque na Eurocámara, xusto cando se coñece que a AP9 vén de converterse na autoestrada de pago máis longa do Estado español.
Dende o 2003 trece concesións deste tipo de infraestruturas viarias foron liberadas, a última delas a de Bilbao-Zaragoza, “mentres que as galegas e os galegos seguimos pagando dos nosos petos as nefastas consecuencias da decisión adoptada polo Goberno do PP”, lamenta Ana Miranda.
A representante do BNG lembrou que xa no 2025 “a Comisión declarou que as normas e o procedemento de licitación de concorrencia competitiva que esixe a contratación pública na Unión Europea” non foran respectadas “pola ampliación da concesión feita polo Goberno de José María Aznar”.
Transparencia necesaria sobre a AP9
No mes de xullo, logo de que o Tribunal Supremo pedise á Comisión Europea o Ditame motivado no que declarou a concesión contraria ás normas da UE, a eurodeputada do BNG solicitou formalmente á Comisión Europea coñecer a información dese procedemento de infracción aberto contra o ante a súa relevancia e interese público para a cidadanía galega.
Esta demanda oficial parlamentar aínda non foi respostada polo executivo comunitario, nin tampouco a de coñecer os argumentos do Goberno español para rexeita iniciar a anulación da concesión, malia ao Ditame motivado emitido pola Comisión Europea hai máis dun ano (INFR(2021)4052) ao respecto ás normas da UE en materia de contratación pública, incluídos os contratos de concesión.
Anteriormente, en abril do 2024 e en setembro do 2025, Ana Miranda solicitara á Comisión Europea información sobre o proceso contra o Estado español, ademais de presentar unha solicitude no portal de transparencia para acceder ao expediente INFR(2021)4052 por incumprimento da normativa europea na ampliación da concesión da AP-9.