O centro Transformando en Brión formou xa a 277 persoas no seu obradoiro compartido

O espazo, integrado na rede de coworking Deputación da Coruña, incorpora 18 novas persoas tras completar o último curso de formación e facilita o emprendemento sen asumir os custos dun obradoiro propio.

O centro de transformación agroalimentaria Transformando en Brión, integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, alcanza as 277 persoas formadas e habilitadas para elaborar alimentos nas súas instalacións compartidas. Esta cifra inclúe as 18 persoas que acaban de superar o último curso de formación, necesario para facer uso do obradoiro colaborativo.

O centro ofrece ás pequenas produtoras e produtores a posibilidade de transformar os seus produtos agrícolas e desenvolver iniciativas empresariais sen ter que afrontar o investimento inicial que require un obradoiro propio. Un modelo que facilita os primeiros pasos dos negocios agroalimentarios e permite compartir recursos, coñecementos e experiencias con outras persoas emprendedoras.

Os resultados deste traballo reflíctense na evolución dos proxectos que nacen e medran no centro. Unha das persoas usuarias, tras desenvolver a súa actividade nas instalacións compartidas, deu o paso de abrir o seu propio obradoiro de salsas. A esta experiencia súmanse as colaboracións con establecementos de restauración da contorna, que incorporan ás súas cartas e á oferta de pratos para levar elaboracións artesás producidas en Transformando.

Esta conexión entre produción, transformación e restauración contribúe a que o valor engadido dos alimentos permaneza no territorio e abre novas oportunidades para os pequenos negocios locais.

A actividade do centro esténdese tamén á formación, á divulgación e ao intercambio de experiencias. Este mércores, 28 de outubro, Transformando participará na Aula Aberta sobre conservas vexetais, zumes e marmeladas organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) en Ponteareas. Ás 12.30 horas presentarase o relatorio «Os espazos de traballo colaborativo na transformación e elaboración de produtos».

Durante este mes, o proxecto tamén compartiu a súa experiencia en encontros sobre acción comunitaria e emprendemento. A xestora do espazo, Carme Freire, participou o 20 de outubro no seminario da Universidade de Santiago de Compostela «Educar e participar para transformar: o tecido asociativo como elemento clave da acción comunitaria», dentro da mesa dedicada ás experiencias en rede. O día 22, o centro tomou parte no encontro dixital «Sementando o futuro», promovido polo Polo de Emprendemento de Melide.

As colaboracións con outras entidades teñen tamén presenza na exposición «O pequeno é grande», que a Fundación RIA acolle ata finais de outubro e na que participan 21 persoas usuarias de Transformando arredor dun proxecto de elaboracións con cítricos.

O intercambio de experiencias incluíu a visita da asociación catalá de agricultoras e gandeiras Dones del Món Rural. Transformando colaborou na organización de itinerarios de aprendizaxe por distintos puntos de Galicia, entre eles o centro de transformación alimentaria de Baroña, tamén integrado na Rede Provincial.

No ámbito local, o centro colaborou co Concello de Brión e con empresas de turismo sustentable na I Romaxe de Santa Minia. Arredor de 50 persoas visitaron as instalacións para coñecer o seu funcionamento e as oportunidades que ofrece a rede provincial.

A través destes espazos, a Deputación da Coruña facilita recursos para emprender no rural, transformar os produtos de proximidade e desenvolver actividades económicas vinculadas ao territorio. A experiencia de Brión amosa como a formación e o acceso a instalacións compartidas axudan a converter a produción local en oportunidades de negocio e emprego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios