O PP de Padrón denuncia o “sectarismo” de Anxo Rei e a “utilización partidista” do Concello

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, denunciou hoxe publicamente “o preocupante e crecente sectarismo” do alcalde, Anxo Rei, e a “utilización totalmente partidista” que está a realizar de determinados recursos do Concello, como as canles de comunicación institucional, para convertelas “en instrumentos de propaganda para alimentar o seu ego e o seu narcisismo”.

Rodríguez Conde puxo como o exemplo máis recente desta “involución democrática” no Concello de Padrón a celebración esta pasada fin de semana do VI Encontro Nacional de Pobos Máxicos de España, á que non foi convidado ningún concelleiro dos grupos da oposición e que “o alcalde converteu nunha nova festa de autobombo con tufo socialista”.

“Parécenos ben a promoción exterior do noso concello, pero, nun contexto no que o goberno local ten completamente desatendidas as necesidades das parroquias do rural, queremos saber canto lle custa á veciñanza que Anxo Rei convide aos seus colegas a bailar a conga en Padrón”, avisou Rodríguez Conde. Por iso, no pleno ordinario desta semana presentará unha batería de preguntas relacionadas co citado evento para coñecer o seu custo, quen o financiou, quen o organizou, quen decidiu a listaxe de convidados e cales foron, e quen marcou as directrices do protocolo do evento.

Por outra banda, o voceiro popular reiterou as súas críticas ao “inaceptable uso partidista” que o executivo local segue a facer das canles de comunicación do concello, a través dunha empresa externa que presta os seus servizos nunha situación contractual “irregular”, con todas as súas facturas reparadas polo Departamento de Intervención e cuns importes que ao cabo de todo o mandato resultarán “escandalosos”.

Neste senso, Rodríguez Conde lembra que o Pleno da Corporación xa aprobou no seu día unha moción que instaba ao goberno local a corrixir “o sesgo partidista da información municipal”, algo que, na súa opinión, “segue exactamente igual e obrigaranos a levar esa actitude do alcalde á Valedora do Pobo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios