A Laracha. O Goberno Local eleva ao pleno os convenios co IGVS para o financiamento da humanización do entorno do CEIP Otero Pedrayo e da rúa José Añón

Por un importe total de case 642.000 euros, sen xuros e a devolver en oito anos.

A Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno reuniuse hoxe para ditaminar os asuntos que se someterán á aprobación do Pleno extraordinario convocado para este venres ás 12:00 horas.

A cuestión principal é a proposta de aprobación dos convenios de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para financiar dous proxectos de humanización de espazos públicos que afectan ao CEIP Otero Pedrayo. Por unha parte está o proxecto de acondicionamento do entorno do centro de ensino coa creación dunha nova entrada con aparcamento. E, por outra, a mellora integral da rúa José Añón que dá acceso ao colexio desde a estrada AC-552.

En virtude destes acordos, o organismo autonómico concedería ao Concello dous préstamos sen xuros por un importe total de 641.808,61 euros para eses fins a devolver nun prazo de oito anos. 

A Comisión Informativa tamén ditaminou a proposta de participación na primeira fase do POS+ Adicional 4/2026 da Deputación da Coruña, destinada a financiar gasto corrente. O importe asignado ao Concello da Laracha ascende a 369.856,72 euros.

Outro dos asuntos é a proposta de adhesión á Rede de Concellos Contra o Cancro, impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) a través da súa Xunta Provincial da Coruña. A iniciativa busca reforzar a colaboración entre o Concello e a entidade para promover hábitos de vida saudables, impulsar contornas libres de fume, facilitar información e orientación ás persoas afectadas polo cancro e ás súas familias e fomentar a participación social e o voluntariado.

Por último, abordouse a Declaración Institucional con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro. Promóvese en colaboración con UNICEF no marco do compromiso do Concello da Laracha cos dereitos da infancia recoñecido coa concesión do distintivo de Cidade Amiga da Infancia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios