Lugo e Astorga dan continuidade ao irmandamento entre a Semana de Cine de Lugo e o Festival de Cine de Astorga

O Concello de Lugo participou este martes en Astorga nun novo encontro institucional que dá continuidade ao irmandamento entre ambos certames e reforza a colaboración cultural entre dúas cidades unidas tamén pola súa historia romana.

No acto participaron o concelleiro de Turismo e Museos do Concello de Lugo, Agustín Gallego; o alcalde de Astorga, José Luis Nieto; o concelleiro de Cultura de Astorga e director do Festival de Cine, Tomás Valle; e representantes da Semana de Cine de Lugo e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.

Gallego destacou os vínculos históricos entre ambas cidades, lembrando que Lucus Augusti e Asturica Augusta estiveron conectadas pola Vía XIX, e sinalou que “hoxe ese camiño é o cine”. O edil puxo en valor “a unión entre cultura e patrimonio” e a traxectoria de dous certames consolidados, a Semana de Cine de Lugo, iniciada en 1979, e o Festival de Cine de Astorga, nacido en 1998. “Este irmandamento une dous certames, pero tamén dúas cidades con moito que compartir”, afirmou Gallego, que incidiu en seguir creando novas oportunidades de colaboración.

A xornada incluíu a recepción institucional no Concello de Astorga, a lectura e sinatura do documento de irmandamento e o descubrimento dunha placa no Teatro Gullón en homenaxe á Semana de Cine de Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios