O talento feminino inaugura a década de Festigual coa gala especial “Mulleres pola inclusión” no Teatro Rosalía

Guadi Galego, Uxía, A banda da Loba e Chungo Pastel protagonizan o vindeiro 4 de novembro un concerto único que celebra dez anos de arte, diversidade e compromiso na Coruña.

Descubre más noticias musicales como ésta

O FESTIGUAL da Fundación Emalcsa levanta o telón da súa décima edición cunha gran festa musical dedicada a poñer en valor o papel das mulleres na cultura inclusiva. O Teatro Rosalía de Castro acollerá o vindeiro mércores 4 de novembro, a partir das 20:30 horas, a gala inaugural baixo o título Mulleres pola inclusión.

A cita reunirá sobre o escenario a varias das artistas máis destacadas do panorama galego que xa pasaron polo festival ao longo desta década: Guadi Galego, Uxía, A banda da Loba e Chungo Pastel. Conducido polas presentadoras Leti da Taberna e Corina Alfonso, o acto funcionará como un recoñecemento explícito ao talento feminino que formou parte da programación do FESTIGUAL desde a súa primeira edición en 2017.

Lonxe dun formato convencional, a actuación foi creada especialmente para esta celebración sinalada, ofrecendo momentos inéditos que poñen de manifesto a capacidade da música para xerar espazos de encontro e romper barreiras. Esta apertura de luxo marca o pistoletazo de saída a máis de dúas semanas de programación accesible e gratuíta repartida por toda a cidade.

FESTIGUAL naceu en 2017 co propósito de contribuír a construír unha cultura na que todas as persoas poidan participar en igualdade de condicións e de avanzar na eliminación das barreiras físicas, sensoriais, sociais e cognitivas que dificultan o acceso á cultura. 

Ao longo das súas dez edicións, o festival construíu unha programación na que conviven diferentes disciplinas artísticas, proxectos desenvolvidos con asociacións e entidades sociais e medidas de accesibilidade adaptadas ás características das actividades. 

Desde 2017, FESTIGUAL fixo posible máis de 160 actividades e espectáculos, reuniu a un milleiro de artistas, implicou a 126 entidades e profesionais e contou coa participación de máis de 14.000 persoas.

FESTIGUAL – Festival das Artes Inclusivas da Fundación Emalcsa é posible grazas á colaboración entre o Concello da Coruña, Vegalsa-Eroski, a Fundación María José Jove, Reale Foundation e a Deputación da Coruña. Xestiona Culturactiva S. Coop.

Comparte éste artículo
No hay comentarios