A iniciativa arranca esta semana cun programa formativo que contará coa participación da Unión de Consumidores de Galicia (29 de outubro), o Colexio Oficial de Administradores de Fincas (18 de novembro) e a libraría Galgo Azul (26 de novembro). Todas as charlas serán realizadas na sede da entidade (Avd. Glasgow, 7 bajo. Centro Cívico do Birloque) ás 18:30 h. A entrada é libre e gratuita.
A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana pon en marcha esta semana a continuación da programación da súa Escola Veciñal, un espazo de formación, reflexión e encontro dirixido ao movemento veciñal e á cidadanía, co obxectivo de abordar cuestións de interese comunitario e fortalecer a participación social nos barrios. A Escola Veciñal, iniciativa que facilita a Xunta de Galicia, regresa cun programa que incorpora a experiencia e coñecemento de entidades e profesionais de distintos ámbitos directamente vinculados á vida comunitaria dos cidadáns.
Trala boa acollida da primeira edición, na que se abordaron temas presentes no día a día veciñal como a ciberseguridade, a reciclaxe ou a saúde mental, a través da Fundación SALMA, a Policía Nacional e empresa PERMAE, esta segundo programa amplía a temática cara os dereitos dos consumidores, a xestión da administración de fincas -tan próxima a realidade das organización veciñais- e a dinamización cultural dos barrios dende outros espacios e axentes, neste caso, a través da experiencia da libraría coruñesa “Galgo Azul”.
Tres charlas para coñecer dereitos, mellorar a xestión veciñal e dinamizar os barrios
O programa desta segunda edición da Escola Veciñal inclúe tres sesións que abordarán cuestións de interese directo para as asociacións veciñais e a cidadanía:
29 de outubro | Dereitos, participación e reclamacións de consumo. A Unión de Consumidores de Galicia achegará información sobre os dereitos das persoas consumidoras, as vías de participación e os mecanismos dispoñibles para presentar reclamacións e defender os seus intereses.
18 de novembro | Escoller e traballar cun administrador de fincas. O que toda comunidade de propietarios debe saber. O Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia ofrecerá orientación sobre o papel destes profesionais, os criterios para escollelos e as cuestións fundamentais que deben coñecer as comunidades de propietarios para mellorar a súa organización e funcionamento.
26 de novembro | Dinamización sociocultural do barrio dende a libraría. A experiencia de Galgo Azul. A libraría coruñesa Galgo Azul compartirá a súa experiencia como axente cultural e de dinamización comunitaria, reflexionando sobre o papel das librarías e da cultura na creación de espazos de encontro e no fortalecemento da vida social dos barrios.
Todas as charlas terán lugar ás 18:30 horas na sede da Federación, situada na avenida de Glasgow, número 7, baixo, no Centro Cívico do Birloque. A entrada será libre e gratuíta.
Desde a Federación destacamos que esta segunda edición consolida unha iniciativa que naceu coa vocación de ofrecer formación útil e accesible, promover o intercambio de coñecementos e favorecer o debate arredor dos retos e oportunidades que afrontan os barrios e as comunidades locais.
A Escola Veciñal pretende contribuír á capacitación das asociacións veciñais, reforzar a participación cidadá e fomentar a colaboración entre o movemento veciñal e outros axentes sociais, profesionais e culturais do territorio. A través desta proposta formativa, búscase achegar ferramentas prácticas, aportar formación e fomentar o espíritu crítico dende novos puntos de vista que axuden a construír comunidades máis informadas, cohesionadas e participativas.
Con este novo ciclo, a Federación reafirma a súa aposta pola formación e pola educación comunitaria como instrumentos fundamentais para fortalecer o asociacionismo veciñal e avanzar cara a barrios máis activos, solidarios e comprometidos co ben común.
O ciclo de Escola Veciñal realizase co apoio da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello da Coruña e as entidades participantes en cada edición.