Na sesión constitutiva foi elixido tamén o coordinador da unidade, que será o catedrático de escola universitaria da UDC e xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC, Javier de Toro.
O CHUAC acolleu hoxe a constitución da Unidade Docente do CHUAC para a descentralización de Medicina, integrada por preto de 40 profesionais, o que supón un paso máis neste proceso. Tal e como contempla o acordo de descentralización do grao de Medicina aprobado polas tres universidades públicas do SUG, a unidade docente será a encargada de organizar as ensinanzas e, polo tanto do Plan de Organización Docente (POD), en coordinación coa USC. Correspóndelle a coordinación cos correspondentes departamentos implicados na docencia, de xeito que se garanta que os criterios de ensinanza e avaliación son similares en todos os lugares nos que se imparten.
Na sesión constitutiva de hoxe, á que asistiron o reitor da UDC, Ricardo Cao, e o xerente do CHUAC, Luis Verde, foi elixido tamén o coordinador da Unidade Docente, que recaerá na figura de Javier de Toro, catedrático de escola universitaria da UDC e xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC, unha labor que compatibilizará coa dirección do Departamento de Medicina da UDC, creado o pasado mes de marzo.
Javier de Toro Santos é catedrático da área de Anatomía e Embrioloxía Humana da UDC e Xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC. Doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, incorporouse ao CHUAC en 1988 e á UDC en 1992.
Adscrito ao INIBIC, centra as súas liñas de investigación na Terapia Celular e Medicina Rexenerativa, así como na xestión sanitaria e afeccións musculoesqueléticas/reumáticas.
De Toro destacou na súa intervención o potencial profesional de todas as persoas integrantes da unidade docente e cualificou de “moi importante” esta nova etapa na que a colaboración entre institución académica e sanitaria acadará novos fitos.
Departamento de Medicina
A unidade docente traballará xunto co departamento de Medicina da UDC para impulsar a descentralización, que este ano arrancou coa docencia clínica de 5º curso e que prevé para o próximo curso a implantación da totalidade de 5º curso.
O departamento está composto por 10 áreas de coñecemento: anatomía e embrioloxía humana, cirurxía, farmacoloxía, fisioloxía, historia da ciencia, medicina, medicina preventiva e saúde pública, otorrinolaringoloxía, psiquiatría e radioloxía e medicina física.
A agrupación nun único departamento de todas as especialidades de coñecemento das ciencias médicas e biomédicas e a constitución agora da unidade docente permitirá abordar a mellor planificación docente do ensino descentralizado de Medicina, crear sinerxías entre as diferentes especialidades que o compoñen e consolidar a súa proxección académica e social.