A Laracha. En marcha as obras de mellora das prazas Les Sables D’Olonne e Punta das Ondas, e da estrada do Cancelo do Medio

Ademais, o Concello licitará nos próximos días outro proxecto de mellora da rede viaria nas parroquias de Erboedo e Coiro.

As obras de mellora do pavimento, da sinalización e dos servizos na praza Les Sables d’Olonne da capital municipal, na praza Punta das Ondas de Caión e en dous tramos viarios no Cancelo do Medio, na parroquia de Cabovilaño, comezarán a executarse nos próximos días. Hoxe procedeuse á sinatura da acta de replanteo por parte do alcalde, José Manuel López Varela, do concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, do representante da empresa construtora adxudicataria, Vázquez y Reino, e do director de obra como paso previo ao comezo das intervencións.

Na praza Les Sables d’Olonne renovarase o pavimento en toda a superficie, ademais de actualizar a sinalización horizontal e vertical e reforzar o equipamento urbano. Este é un espazo de referencia na capital municipal, tanto por acoller a celebración de eventos ao longo do ano como polo seu uso habitual como zona de estacionamento para residentes e usuarios do IES Agra de Leborís, da Biblioteca Municipal e da Casa da Cultura.

En Caión, na praza Punta das Ondas, situada detrás da cetaria e xunto ao paseo marítimo, renovarase o pavimento e mellorarase a integración das marxes no conxunto da praza. Tamén será mellorada a rede de recollida de augas pluviais.

E no Cancelo do Medio acondicionaranse dous tramos de da rede viaria que suman 167 metros de lonxitude, contemplándose a limpeza de cunetas, a reparación e mellora do firme e a renovación da sinalización.

A actuación está valorada en máis de 71.000 euros.

Proxecto nas parroquias de Erboedo e Coiro

Por outra banda, o Concello licitará nos próximos días un novo proxecto de mellora da rede viaria municipal nas parroquias de Erboedo e Coiro, neste caso cun orzamento superior aos 90.000 euros e que afectará a estradas de Erboedo de Abaixo e de Barbacán.

En ambos casos prevese mellorar as vías tanto nos propios núcleos como as que os conectan coa DP-1913. Os traballos inclúen a renovación do firme e o acondicionamento dos bordes da calzada para integralos mellor na plataforma, así como a sinalización horizontal e vertical.

Con este novo proxecto, o Concello continúa coa planificación de actuacións destinadas á mellora e conservación das infraestruturas viarias municipais tanto nos núcleos urbanos como nas parroquias rurais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios