Ana Miranda participa na misión de Eurolat cunha chamada en favor da integración e contra a xenofobia

Como vicepresidenta da Asemblea Parlamentar Euro-Latinoamericana, a eurodeputada do BNG participa na Sesión Ordinaria deste organismo que ten lugar en Santa Cruz de Tenerife. Ana Miranda aposta pola “migración como unha fonte de riqueza para as nosas sociedades”.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa dende este martes na XVII Sesión Plenaria Ordinaria da Asemblea Parlamentar Euro-Latinoamericana, organismo do que é unha das vicepresidentas. A xuntanza está marcada pola traxedia do accidente ferroviario de Urda, Toledo.

Dende Eurolat, as parlamentarias e parlamentarios europeos e latinoamericanos trasladaron o seu apoio e solidariedade ás vítimas, os seus familiares e seres queridos e gardaron este pasado mércores un minuto de silencio durante a Sesión Ordinaria da Asemblea. A eurodeputada Ana Miranda enviou unha mensaxe de “solidariedade e empatía” logo da coñecerse o accidente.

Eurolat cumpre o seu vinte aniversario logo do triunfo do presidente Lula da Silva nas eleccións do Brasil, renovando para un cuarto mandato. Unha vitoria da democracia fronte á extrema dereita e as inxerencias estranxeiras, celebrado polos representantes progresistas presentes en Eurolat. 40 deputados e deputadas de ámbalas rexións apoiaron a nova resolución da Asemblea da ONU contra o embargo unilateral de Cuba, denunciando a crise enerxética e o agravamento da situación humanitaria que sofre a illa.

Da Asemblea saíu un chamamento en favor do multilateralismo e a xustiza social ante os desafíos globais, como o que representa a desinformación nas plataformas dixitais. “Este é un foro que reúne parlamentarios e parlamentarias de ámbolos continentes para debater sobre xeopolítica, intelixencia artificial, migracións ou a situación da pobreza que afecta a parte das nosas sociedades. É tamén un foro onde se escoitan a voces que foron silenciadas durante séculos, como os colectivos indíxenas”, destaca a eurodeputada do Bloque.

Os parlamentarios europeos e latinoamericanos traballan nestas reunións na defensa da cooperación bilateral entre Europa e América Latina, a mellora dos dereitos laborais e sociais, na protección da biodiversidade e medioambiente. A reunión da Asemblea de Eurolat tamén potencia a loita contra a violencia e a discriminación de xénero cun foro específico sobre a Muller.

Foro da Sociedade Civil

No marco da Asemblea de Eurolat, eurodeputada do BNG, Ana Miranda, preside o Foro da Sociedade Civil cunha mensaxe en favor da integración e contra o racismo, nun contexto internacional marcado polos discursos xenófobos e o autoritarismo. A migración foi unha das cuestións principais ao ser Canarias terra de acollida de persoas migrantes de Latinoamérica.

Entre os participantes estiveron Carmelo Ramírez Marrero, conselleiro de Cooperación Institucional e Solidariedade Internacional do Cabildo de Gran Canaria, representantes de CEAR, Cruz Vermella, da Fundación Canaria Farrah, do Comité de ONGs para o Desenvolvemento das Illas Canarias e da Asociación ‘Incluye’.

Neste Foro, Ana Miranda destacou que “pechar as fronteiras non é a solución porque a migración é un feito e está presente na vida e na historia. Os migrantes traen beneficios ás nosas sociedades, así que debemos combater a desinformación, os discursos de odio e a xenofobia”.

Da reunión dos representantes de Eurolat coa sociedade civil saíu un chamamento a non tratar as persoas migrantes como mercadorías, a abordar a migración cun enfoque baseado nos dereitos humanos e a dignidade, e non como unha ameaza ou mediante controis fronteiros perigosos para as persoas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios