A xestión da Xunta en materia turística atópase no punto de mira do PSdeG.

A deputada socialista Lara Méndez criticou esta mañá con dureza a falta de estratexia, planificación e execución do Goberno galego durante a comparecencia do director da Axencia Galega de Turismo en comisión parlamentaria para presentar as contas do organismo de cara ao vindeiro exercicio. Para a parlamentaria, as cifras coas que o Executivo autonómico pretende “sacar peito” non resisten un análise rigoroso.

Como exemplo, Méndez puxo sobre a mesa a suposta bonanza turística na provincia de Ourense. A deputada sinalou que realizar comparativas directas co ano 2025 —marcado polas graves incidencias da vaga de lumes— evidencia unha clara intención de “retorcer os datos” para ofrecer unha realidade distorsionada.

Un orzamento á baixa ante a sombra dun Xacobeo sen planificar

Durante a súa intervención, a representante socialista puxo o foco na tibieza das contas públicas para o vindeiro ano. Indicou que o orzamento destinado a turismo “non sube nin sequera o que o fai o orzamento xeral” e, se se compara co de 2025, “mantense por debaixo”, unha anomalía difícil de xustificar para un exercicio que, en teoría, debería estar vertebrado arredor do Xacobeo. No fondo desta dinámica, apuntou, atópase a dependencia dos fondos externos: “Cando hai máis recursos do Goberno central ou de Europa, medra o orzamento; se procede exclusivamente da Xunta, a cousa cambia”.

A falta de previsión respecto ao Ano Santo tamén foi obxecto de crítica. Méndez fixo eco do malestar trasladado polos sectores da hostalería e do turismo ante a ausencia absoluta dun calendario ou programación a só dous meses de estrear o ano. “En xaneiro Rueda dicía que a planificación estaba en marcha; en outubro asegura que se están facendo as cousas como se deben e pide tempo”, censurou ante a falta de concreción institucional.

Baixa execución e fondos desviados “por barrios e parroquias”

Un dos eixos centrais da denuncia socialista centrouse nos niveis reais de xestión do diñeiro público. A deputada cuestionou con ironía a planificación do organismo autonómico: «Falan de planificación? A execución dos primeiros seis meses de 2026 non chega nin a un cuarto», apuntou. Con todo, advertiu de que ese desvío adcoitase compensar posteriormente tirando de “chequeira”.

A este respecto, Méndez denunciou que os fondos acaban por repartirse “por barrios e parroquias, e non con fins turísticos”, derivando partidas a propósitos de dubidoso encaixe no sector. Para avalar esta afirmación, fixo referencia ás contas xa pechadas de 2025: «Dun total de 146 millóns, 34 correspóndense con adxudicacións. Onde van os outros 112? Moitos deles acaban en convenios ad hoc e contratos menores con esa outra finalidade», detallou.

Desequilibrios territoriais

Finalmente, a parlamentaria do PSdeG puxo de manifesto a evidente desigualdade territorial na distribución do gasto. Segundo denunciou, trátase duns orzamentos profundamente desequilibrados entre provincias, onde partidas crave destinadas a novas infraestruturas, mellora de albergues, dixitalización e medidas de sustentabilidade acaban concentrándose de maneira case exclusiva nun único territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios