Dura saída do Ineltrón Santo Domingo a Marín

Os locais son os colíderes da competición

Nova cita para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos na Tercera FEB. Logo da derrota sufrida contra Traumacor Culleredo a fin de semana pasada por 81-86, o que o leva a descender ata a 10o posto da clasificación con 1 vitoria e 3 derrotas, o equipo betanceiro afronta este sábado un partido que non pasa por ser, a priori, o máis propicio para reverter a situación e volver gañar logo de tres derrotas consecutivas. O rival, o Marín Ence Peixegalego, suma catro vitorias en catro encontros, ocupa o liderado do grupo AB con Círculo Gijón e Recoletas Salud Salamanca, e conta cunha das plantillas máis potentes da competición con xogadores coma Antón Bouzán, Javier Cardito, Miguel Souto Parrado ou o congoleño, con pasado en LEB ORO, Charles Nkaloulou, por só citar uns poucos nomes.

Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, adestrador do conxunto betanceiro: “Sabemos que o partido de Marín ou o xogamos ao 100% tanto en defensa como en ataque ou teremos poucas opcións de competir. Contan con bo xogo interior e exterior. Temos que seguir crecendo como equipo e esta é unha boa ocasión para ver as nosas posibilidades”.

O encontro terá lugar no municipal da Raña, en Marín, ás 20h deste sábado 31 de outubro e será retransmitido por BalONcesto TV.

Xornada reducida na fin de semana de Defuntos

Polo demais, o resto de conxuntos de club afronta unha fin de semana con xornada reducida. Así, o equipo de Segunda Autonómica viaxa a Vilalba para xogar contra o Terra Cha o domingo ás 19h, La Goleta, o equipo de Terceira Autonómica, desprázase a Novo Mesoiro, na Coruña, para medirse ao Parque Europa Dragons ese mesmo día ás 10h, e as júnior feminino a Arteixo ás 12h para medirse ao equipo local.

Xogan tamén o infantil masculino (sábado 12h en Coruña contra Compañía de María), o alevín 2016 (sábado 11h en Arteixo fronte a Cambre) e o premini femenino (sábado 19h no Agra contra Xesuitinas).

O resto de conxuntos, descansa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios