A planta superior abrirá en horario de 08.00 a 15.00 para ofrecerlle atención aos cidadáns. A planta baixa seguirá dándolle servizo ás compañías de transporte metropolitano.
A antiga estación de autobuses seguirá aberta ao público malia o traslado do transporte metropolitano ás novas instalacións de San Cristovo. No edificio situado entre Caballeros e Pérez Ardá seguirán a atender o público distintos servizos municipais. Alí os cidadáns poderán acudir para realizar trámites de Mobilidade e Edificación. Entre outros, a solicitude de tarxetas Millennium ou os permisos de ocupación de dominio público para obras e terrazas.
Ademais, a estación que hoxe deixou de prestar servizos metropolitanos, seguirá a ser a sede do CIMOB, o centro encargado da regulación do tráfico na cidade, operativo as 24 horas do día.
O horario de atención ao público será o horario habitual de oficinas, de 08.00 a 15.00 horas. A planta baixa na que se localizan as dársenas tamén seguirá a ter uso. Provisionalmente empregarán ese espazo as empresas de transporte metropolitano que precisan estacionamento, usen a estación de abastecemento ou as que conten con oficinas administrativas. O acceso aos andares queda desde hoxe restrinxido só aos vehículos e persoas habilitadas.