O deputado do BNG, que participa nesta tarde na comparecencia de Óscar Puente na Deputación Permanente, afirma que “a asunción de responsabilidades políticas é inevitábel”.
En comparecencia antes os medios de comunicación este mediodía no Congreso, Néstor Rego afirmou que “o Ministro Puente ten que responder hoxe moitas preguntas que aínda non tiveron resposta”.
Nese sentido, esixiu explicacións sobre “por que fallou o sistema LZB, por que non se activou un sistema de apoio, por que non estaba operativo o sistema de seguridade máis avanzado, o ERTMS”, entre outras cuestións e preguntou como “é posíbel que tras 170 fallos do LZB non se tivese en consideración unha mudanza do Protocolo para situacións como a que se produciu. Agardamos respostas por parte do Ministro”.
Néstor Rego tivo unha lembranza para as vítimas e as súas familias desexando que se faga “xustiza e reparación”, a que non se fixo coas vítimas de Angrois. Sinalou que até o de agora o BNG mantivo “unha posición de prudencia e respecto porque a prioridade eran as vítimas. Actuamos como unha forza responsábel. Agora podemos dicir que a asunción de responsabilidades políticas é inevitábel”.
Investigación independente, “a que non houbo con Angrois”
O parlamentar do BNG demandou unha investigación en profundidade e independente, “a que non se fixo con Angrois”, e mostrou o convencemento de que se “esa investigación independente do accidente de Angrois se tivese feito e tiradas as leccións necesarias sobre a seguranza ferroviaria, é posíbel que un accidente como o de Urda non se tivese producido”. Lembrou o “pacto de silencio do PP e do PSOE con Angrois e o mal trato ás vítimas do accidente de Santiago”.
O deputado do BNG sinalou que a “privatización do transporte ferroviario, chamada eufemisticamente “liberalización”, implicou un aumento do tráfico ferroviario e máis viaxeiros e viaxeiras sen que aumentase na mesma proporción o persoal, nin se implementasen os sistemas de seguranza adecuados á nova situación”. Así, criticou as dotacións insuficientes e limitadas para a mellora das infraestruturas ferroviarias”.
Néstor Rego deixou claro que “aquí hai responsabilidades compartidas entre PP e PSOE” ao aludir á caída de investimentos en mantemento e seguridade ferroviaria desde 2012, o Goberno de Rajoy, con cifras tan ridículas como os 355 millóns en 2017. A pesar de que nestes últimos anos se incrementaron, “foron cantidades insuficientes”.
Feixoó: a súa actitude con Angrois descualifícaos para reclamar dimisións
Salientou a coherencia do BNG e censurou a “hipocrisía e demagoxia do PP e de Feijóo. A súa actitude con Angrois descualifícaos para reclamar dimisións. No Goberno do PP de Rajoy non dimitiu ninguén, e por riba, Feijóo vetou até en catro ocasións unha Comisión de Investigación no Parlamento galego”.
O deputado reclamou unha auditoría externa e independente de toda a rede ferroviaria, que sexa avaliado o impacto da privatización e a reversión dese proceso e actuacións urxentes para garantir a seguranza do transporte ferroviario. Rego, insistiu na necesidade de “non repetir os erros de Angrois” e aumentar os investimentos en seguranza ferroviaria e en mantemento da infraestrutura, así como na mellora das condicións do persoal.