Con representación de todas as etapas educativas e toda a comunidade educativa, este encontro permitirá analizar a situación do ensino nos centros da comarca e debater como mudala de xeito conxunto.
Este xoves 5 de novembro ás 18:30, no paraninfo do IES Santa Irene (Vigo), terá lugar un encontro que será aberto e que pretende ser o punto de encontro de todas as etapas educativas e colectivos do ensino da comarca de Vigo. Participarán máis de dez colectivos, como son AGOEP, FOANPAS en representación das federacións de ANPAS, Plataforma 0-3 Galicia, ADICOPUVI, persoal non docente como persoas coidadoras e intérpretes de lingua de signos, Asembleas Abertas polo Ensino Público, Clásicas en pé ou sindicatos de estudantes como Erguer e Fervenza. Pero tamén contará coa participación de profesorado de todas as etapas educativas, desde 0-3 ata o ensino secundario ou os ciclos formativos.
“Nos últimos anos, a deriva de políticas erróneas en materia educativa da Xunta de Galicia levou ao ensino público a unha situación precaria e insostible”, sinala unha das persoas organizadoras deste encontro. Explica que este contexto provocou a reacción durante o pasado curso dun profesorado farto de presenciar o deterioro progresivo da calidade do servizo que ofrece, pero tamén a resposta das familias ao ver como non se dá resposta ás necesidades das súas crianzas, do alumnado por ver como cada vez é máis complicado acceder a un ensino público gratuíto que sexa piar fundamental da igualdade de oportunidades ou do persoal non docente por dignificar a súa labor esencial e necesaria nos centros. “Cada unha das nosas loitas é a mesma. Non queremos parches nin que se divida á comunidade educativa”, afirma unha profesora das Asembleas Abertas do Ensino Público.
Este encontro, no que se chama a participar a toda a comunidade educativa, ten como obxectivo facer balance da situación actual no ensino na comarca de Vigo, centro a centro, sector a sector, detectando as realidades que queremos denunciar e deseñar estratexias para combater e mudar a situación entre todas as persoas e colectivos da comunidade educativa.