Dirixido a mulleres, realizarase o 27 de novembro de 17:00 a 21:00 horas no Centro Sociocultural de Paiosaco.
Dentro da programación municipal en torno ao 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organiza un taller gratuíto de defensa persoal feminina. Celebrarase o venres 27 de novembro no Centro Sociocultural de Paiosaco en horario de 17:00 a 21:00 horas.
A actividade, que se desenvolverá nunha única sesión de catro horas de duración, ten por finalidade proporcionar ás participantes habilidades e destrezas de seguridade e autoconfianza persoal para saber como actuar ante posibles situacións de risco.
A iniciativa vai dirixida a mulleres maiores de 18 anos, aínda que tamén poderán participar mozas de 16 e 17 anos sempre que conten coa autorización dos seus proxenitores ou titores legais.
Ao tratarse dun obradoiro con prazas limitadas, requírese inscrición previa, que é gratuíta. O prazo xa está aberto e pecharase o 26 de novembro ou ben unha vez cubertas todas as prazas ofertadas. As persoas interesadas poden anotarse en liña na web municipal de actividades (actividades.alaracha.gal) ou ben no teléfono 647828184.
A iniciativa conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia no marco do acordo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
Ademais deste taller, o programa do Concello da Laracha en torno ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres inclúe diferentes propostas educativas, formativas e participativas para sensibilizar a cidadanía e avanzar na prevención da violencia de xénero.