O investimento total nos proxectos de posta en valor deste complexo de gran relevancia histórica supera os 750.000 euros en total.
O Concello comezou as obras do proxecto de acondicionamento e mellora da accesibilidade no Castro de Elviña, cun investimento de case 160.000 €. O obxecto da intervención é o acondicionamento do ámbito para que poida ser visitado de xeito controlado polo público e de forma máis cómoda.
Co proxecto preténdense crear unhas condicións favorables para realizar visitas ao Castro, tanto de xeito individual como en grupo, á vez que estas se compatibilizan cos criterios de protección e conservación do xacemento arqueolóxico. O proxecto tamén ten por obxecto mellorar as condicións de comprensión e interpretación dos restos arqueolóxicos por parte das persoas visitantes.
A obra farase co máximo respecto pola integridade do conxunto arqueolóxico, seguindo os criterios establecidos para modificacións neste tipo de xacementos: reversibilidade, mínima intervención, mínima interferencia cos restos arqueolóxicos e baixo impacto sobre a paisaxe. Así, por exemplo, para os elementos de mobiliario -que serán de formigón para facilitar o mantemento- realizáronse deseños específicos que minimizan a súa presenza no terreo, e evitan restarlles protagonismo aos restos arqueolóxicos.
O sistema de drenaxe dos camiños realízase mediante pequenas canles sobre as que se sementarán plantas herbáceas silvestres, de modo que se integren totalmente na paisaxe da zona. Para definir os trazados dos camiños seguíronse, na medida do posible, os trazados xa existentes no ámbito, que se corresponden con camiños tradicionais de acceso aos antigos terreos de cultivo ou de comunicación no ámbito.
A reutilización de antigos camiños para o acceso á zona arqueolóxica e para o movemento a través da área permite recuperar trazados históricos e tradicionais para o seu uso peonil, á vez que evita a apertura de novos trazados que poderían interferir cos restos arqueolóxicos aínda non escavados.
Entre as actuacións concretas contempladas no proxecto atópanse:
- Acondicionamento do aparcadoiro situado no camiño das Penas da Grela, próximo á actual entrada ao xacemento.
- Acondicionamento dos camiños de acceso á área arqueolóxica e do antigo camiño de Mesoiro-Feáns (Camiño do Castelo), que atravesa o ámbito pola súa zona sur.
- Creación de dúas áreas de descanso, que se situarán xunto ao antigo camiño de Mesoiro-Feáns (Camiño do Castelo), na zona máis afastada dos restos arqueolóxicos.
- Realización dunha instalación de iluminación entre o aparcadoiro e a área arqueolóxica. A instalación está formada por luminarias de baixa altura situadas xunto ao camiño, cun nivel de iluminación reducido para evitar a contaminación luminosa.
- Acondicionamento vexetal das zonas de intervención, creando prados nas áreas de canles de drenaxe e noiros, e da zona destinada a realizar eventos, situada no extremo sur do ámbito.
O investimento recente no Castro de Elviña, contando os tres grandes proxectos de posta en valor -melloras de accesibilidade, construción do novo centro de apoio e o novo valado perimetral que arrodea o Castro-, supera os 750.000 euros no seu conxunto. O valado perimetral do castro está xa moi avanzado e axudará a manter a seguridade no recinto.