O PSOE de Arteixo acusa o goberno de Carlos Calvelo de incumprir por completo os acordos plenarios sobre benestar animal en 2026

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de presentar un rogo no pleno municipal para esixir ao goberno local do Partido Popular o cumprimento estrito e urxente dos acordos aprobados por unanimidade o pasado mes de xaneiro en materia de benestar animal e convivencia cidadá. A formación denunca que o executivo de Carlos Calvelo pecha este 2026 sen ter executado nin un só dos catro compromisos acadados na corporación.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que o pacto plenario obrigaba ao Concello a poñer en marcha este ano un Plan de Xestión de Colonias Felinas adaptado á Lei de Benestar Animal (método CER), a construción do primeiro parque canino da localidade, a actualización da ordenanza para esixir a limpeza de ouriños con auga xabonosa e o lanzamento dunha campaña activa contra as feces na vía pública acompañada dun réxime sancionador.

Propaganda fronte á realidade dos barrios e parroquias

Para o PSOE, a propaganda do goberno municipal choca frontalmente coa realidade cotiá dos veciños e veciñas nos barrios e parroquias. «O PP anunciou que destinaría 160.000 euros a unha empresa privada para xestionar as colonias felinas, renunciando a asumilo dende o propio Concello, pero a realidade é que o descontrol segue a medrar. O caso recente de Freán, onde a veciñanza denunciou a aparición dunha colonia con máis de 30 gatos sen control sanitario nin esterilización, é só a punta do iceberg», sinalou Seco.

Así mesmo, o voceiro socialista quixo recoñecer que a situación non é aínda máis grave en Arteixo «grazas unicamente ao labor altruísta de persoas voluntarias e colectivos protectores que interveñen sen recursos nin cobertura municipal».

Doce anos de espera por un parque canino

O grupo socialista censura tamén a parálise absoluta no ámbito da convivencia urbana. O concello continúa sen un só parque canino pechado e adaptado, unha demanda histórica que o Partido Popular leva prometendo de forma reiterada dende o ano 2014. Paralelamente, tampouco se ten actualizado a ordenanza municipal nin se impulsaron as campañas informativas e de vixilancia necesarias para evitar a suciedade nas beirarrúas e espazos públicos.

«Non se pode votar que si no Pleno para saír na foto do acordo e despois desentenderse durante dez meses. O PP anunciou 160.000 euros para as colonias felinas e temos focos de máis de 30 animais descontrolados en Freán; prometeron un parque canino en 2014 e en 2026 seguimos sen el. Esiximos a Carlos Calvelo que cumpra a lei de benestar animal, que apoie aos voluntarios e que execute de inmediato os acordos que el mesmo votou», concluíu Martín Seco.

Comparte éste artículo
No hay comentarios