O Celta tamén sucumbe ante a segunda vella dama que pasa por Balaídos

O Celta caeu por terceira vez na fase grupal da Liga Europa. Dous goles de Zeneli, que erraría un penalti no minuto 80, deron os tres puntos ao Saint-Gilloise malia que os galegos se adiantaran na primeira chegada cun gol de Pablo Diurán, que logo estragaría varias no segundo tempo. A remonta belga, ao comezo do segundo tempo, obrigou a Giráldez a ser máis proactivo mudando o perfil do equipo, pero desta, a diferenza de Glasgow, non deu resultado.

Á contra

O Celta afrontaba a cuarta xornada da fase grupal da Liga Europa entre a lembranza do gran partido en Glasgow e as deficiencias mostradas no ligueiro do sábado en Vallecas. Esa dobre personalidade futbolística, que no último caso menoscababa o rigor defensivo mostrado polo equipo, debía responder ante un rival, o Saint-Gilloise, que chegaba a Balaídos sen perder na liga belga nin na competición continental.
Os propietarios do Joseph Marien, estadio no que España xogou o seu primeiro partido da historia, canda os Xogos Olímpicos de Antuerpe, chantáronse en Balaídos a xogar a moitos toques e apropiarse da pelota desde o asubío inicial. Chegaron a facer un ataque de cinco pases, indo de esquerda á dereita da área céltica, como se estiveran nun partido de fútbol sala. Moita superioridade contra un cadro galego que na primeira contra que lanzou mallou nas costas da vella dama, un dos alcumes do conxunto amarelo, igualiño que o da Juventus, que virara en feudo celeste o primeiro partido dos vigueses como locais na competición.
Marcos Alonso colleu a pelota en tres cuartos, entrou polo pequeno corredor que lle abriu o rival, cedeu en vertical para a ruptura de Pablo Durán, que apoiou o seu golpeo cruzado na base do pau para superar a saída de Koffi no minuto once.
Outros once despois, noutra contra polo mesmo lado, Swedberg pisou área algo ladeado, temporizou, deuna atrás porque aparecía Sergio, pero o carrileiro abriu demasiado o ángulo de tiro e mandou a bola fóra.
No minuto 24 o Celta mudou o flanco para coller aos belgas por sorpresa. Javi Rueda controlou na carreira, pisou a área, pero mandou a pelota moi alta, sen deixar claro se pretendía finalizar el o centrar a Swedberg, que acudía polo centro demasiado solto para rematar,
O partido tiña establecido o guión, O Celta xogaba con lume nese repregamento e queimouse no minuto 35. Zeneli quebrou as liñas polo centro tras recibir o pase do groso Zorgane e, diante de Radu, puido batelo con certa dificultade por abaixo.
No minuto 40 o Saint-Gilloise deixou ver que tamén sabía chegar desde campo propio en tres toques, pero Mofokeng, desde a frontal, mandou alta a deixada de cabeza de Patris.

Giráldez desmonta tarde o dúo Burcio-Febas

A segunda metade comezou torta. O cadro belga montou o ataque pola esquerda, perto do bico da área, a defensa viguesa non andou expeditiva e Zeneli, ollando como lle deixaban disparar, xutou desde o balcón da área. A pelota rozou nun defensa e acabou dentro da portería local (1-2). Outra vella dama facía tremer o fútbol de Giráldez en Balaídos,
Pablo Durán, que un minuto antes gañara metros cunha patada a seguir desde a frontal da súa área, estivo a piques de empatar dúas veces con dous duros disparos que desviou Koffi antes da hora de xogo. O Celta necesitaba mudar a súa narrativa pois, como en Glasgow, o dúo Febas-Burcio non aportaba o necesario. Giráldez mandou entrar a Moriba e a Iago Aspas con media hora e o prolongamento por diante.
A ocasión do 67 non valeu para que Pablo Durán reivindicara o de que á terceira vai a vencida ao lamber o pau coa terceira ocasión en dez minutos, esta vez desde a media lúa.
Sergio, dentro da área, estragou outra cruzando moi alto un xute sen rivais perto para condicionalo. Segundos antes, Giráldez refrescara o ataque colocando a Driouech por Swedberg. O partido dera a volta. Quen propuña era o Celta e o Saint-Gilloise buscaba contras. Koffi sacou co pé un man a man ante Javi Rueda e coas mans un punteirolo de Iago Aspas. Non valían porque Javi Rodríguez desviara antes, dentro da área, unha cabezada á contra dos visitantes. Logo da revisión, o colexiado pitou penalti contra o Celta. Zeneli lanzou e Radu parou en dous tempos.
O partido comezou a abrirse na parte final, até que os visitantes axustaron posicións. O Celta suma a terceira derrota na fase de liga ante unha segunda vella dama europea.

Ficha

XOVES 05/11/2026 (21,00) Campo: BALAÍDOS (19.661)
R,C. CELTA : 1 – R.U. SAINT-GILLOISE : 2 (1-1)

RCC : Radu; Javi Rodríguez, Yoel, Marcos Alonso; Javi Rueda (Jutglà 81’), Febas (Moriba 60’), Burcio (Antañón 81’), Sergio; Hugo Álvarez (Iago Aspas 60’), Pablo Durán, Swedberg (Driouech 71’). Tre. Claudio Giráldez, (Banco: Bayindir (g); Faye; Cáceres; Javi Galán; Miller; Arcos; Hugo González).
GIL : Koffi; Patris, Sylla, Havenaar (Sykes 81’), Chibani; Zorgane (Aquino 65’), Van de Perre, Zenell; Mofokeng (Olaru 85’), Rodríguez (De Roeve 65’), Guilherme Smith (Hurtevent 81’). Tre. David Hubert. (Banco: Chambaere (g); Schoofs; Florucz; Keita; Hamoutahar; Tshilanda).
Goles: 1-0 Pablo Durán 11’; 1-1 Zeneli 35’; 1-2 Zeneli 49’.
Árbitro: Aghayev (Acerbaixán). Auxiliares: Zeynalov e Amirali. 4º árb.: Cabarov.
VAR: Schuettengruber. AVAR: Mammadov.
Disciplina: CA: Guilherme Smith 71’; Pablo Durán 90′.
NOTAS: 80’ Radu para un penalti lanzado por Zeneli.

Comparte éste artículo
No hay comentarios