A obreira e do proletariado á que cantan os Ska-P vallecanos, que está a servir para facer campaña polo voto de esquerda nas vindeiras eleccións do 29N. Porque ás veces parecemos perder a perspectiva de quen somos, asalariados aos que ningún patrón, de «motu propio» vai incrementar o seu soldo ou mellorar as condicións laborais. Iso fano as leis que se aproban no Parlamento, previas negociacións con sindicatos que no outro bando, no da dereita e ultradereita, ameazan con saltarse en caso de chegar a gobernar. Coma moito, tratarán con esa patronal na que o seu secretario xeral acaba de ver incrementado o seu soldo, unha subida para a que non hai tantas pegas coma cando se negocia a dos traballadores.
Nunca tan claros foron na oposición co seu programa postelectoral: recurte de servizos, meter man ás pensións, privar de baixas médicas e prestacións a quen as precise, meterse co aborto e esquecernos da eutanasia. Iso o que din abertamente, imaxinemos o resto. E aínda así, milleiros de obreiros darán o seu voto a quen mañá fará o posible por despoxalos dos escasos «luxos» que desfrutamos. Porque iso son para eles quedar na casa cando estás enfermo, ter un soldo base que non roce o irrisorio, unha subida de pensións acorde ao custo da vida, unha prestación mentres atopas traballo….E só sentido común, mais non sempre nos permitimos facer uso del. Se eres muller, prepárate a retroceder unhas cantas décadas, co ben que viviamos en 1950. A cultura pasará por touros para todos e o cine, coas tesoiras na man coma veñen de facer en Castela e León, non vaia vir algún listo a facer outra peli da Guerra Civil onde os malos son eles. É o que vén e parece imparable…..A menos que te creas que de verdade somos a revolución.