O convenio coa Fundación EXPONAV financia a atención ao público, as visitas escolares, os obradoiros infantís e os traballos de conservación do histórico edificio de Ferrerías.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Vicente Rubio Bolívar, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre a institución provincial e a Fundación EXPONAV para financiar o funcionamento do Museo da Construción Naval de Ferrol durante 2026. A Deputación achega 125.000 euros, o que representa o 80 % dos 156.250 euros orzados para as actuacións incluídas no acordo.
Formoso destacou o interese crecente que esperta o museo, que en 2025 recibiu 27.730 visitantes. “Que cada vez máis persoas coñezan Exponav é unha boa noticia para Ferrol. Quen visita o museo pode ver como se construía un barco, que oficios facían falta para botalo ao mar e ata que punto o traballo nos estaleiros marcou a vida de tantas familias de Ferrolterra”, afirmou o presidente provincial.
“Temos a sorte de ter en Ferrol un museo único en España, e a Deputación leva anos ao seu carón, apoiando as actividades e as visitas e axudando a conservar un edificio emblemático do século XVIII que é, el mesmo, parte da historia que se conta no museo”, sinalou Formoso.
Visitas escolares e obradoiros para achegar o naval ás novas xeracións
A atención aos visitantes e o traballo educativo ocupan boa parte da actividade de EXPONAV. A colaboración provincial contribúe a sufragar os gastos do persoal que recibe o público, organiza o calendario de grupos e realiza os percorridos guiados. O museo ofrece visitas en galego, castelán, inglés e portugués e programa visitas gratuítas para centros de ensino de Ferrolterra e doutros puntos de Galicia.
O alumnado pode completar o percorrido polas salas con obradoiros de divulgación relacionados coa construción naval. A oferta para o público máis novo inclúe tamén as actividades do club infantil Cormonav. Pola súa banda, a sala Carlos III amplía a programación do museo con exposicións temporais, conferencias, presentacións de libros e xornadas divulgativas abertas á cidadanía.
Das antigas ferrerías do Arsenal aos estaleiros actuais
O museo ten a súa sede no edificio de Ferrerías, un inmoble do século XVIII declarado ben de interese cultural. Nos seus fornos e fraguas fabricábanse as pezas que precisaban os buques do Arsenal. Hoxe, esas mesmas instalacións permiten seguir a historia da construción naval a través dos restos da fragata María Magdalena, da carpintaría de ribeira e da historia dos estaleiros de Bazán e Astano ata chegar á actividade da actual Navantia.
O percorrido explica tamén como a construción naval transformou a propia cidade. A expansión do Arsenal trouxo a Ferrol traballadores especializados de distintas procedencias, impulsou o crecemento da poboación e deixou a súa pegada no trazado do barrio da Magdalena. A localización do museo no percorrido do Camiño Inglés permite, ademais, que os peregrinos se acheguen a este patrimonio ao comezo da súa ruta desde o porto ferrolán.
A Deputación da Coruña forma parte do padroado da Fundación EXPONAV. Ademais das actividades de atención ao público e divulgación, o convenio abrangue a limpeza, os seguros e o mantemento das instalacións. Entre os traballos previstos figuran o traslado do taller de maquetas a un espazo máis amplo, o acondicionamento do taller de mantemento e a conservación dos lucernarios do edificio.