Veciños e veciñas da Mariña concentráronse este luns diante do Centro de Saúde de Foz para denunciar a situación crítica que vive a atención pediátrica no concello e na comarca. Despois de máis dun mes sen a pediatra titular, a solución ofrecida pola Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos reduciuse a unha cobertura parcial que as familias cualifican de «totalmente insuficiente e intolerable».
Durante as últimas semanas, a atención pediátrica limitouse a 12 horas semanais (4 horas, 3 días á semana). No entanto, o servizo sufriu un novo recorte esta semana, quedando reducido a só 8 horas semanais repartidas en 2 días, o que equivale a pouco máis dunha única xornada laboral por semana para atender á poboación infantil de Foz, Alfoz e O Valadouro.
Un impacto directo na saúde das crianzas
A falta dunha praza cuberta a tempo completo ten consecuencias directas na atención sanitaria dos nenos e nenas, como a parálise nos exames de saúde periódicos, que se estanse atrasande xeito continuado, impedindo a seguimento axeitado do desenvolvemento e a detección precoz de posibles anomalías ou patoloxías nas idades máis tempranas. Tamén significa desatención de procesos agudos.
A ausencia de pediatra titular obriga a derivar as urxencias cotiás a outros centros da comarca —que tamén sofren déficits de persoal— ou a ser atendidos por persoal de medicina xeral non especializado.
As familias vense na necesidade de realizar desprazamentos continuos fóra do seu municipio ou, nos casos nos que é posible, recorrer á sanidade privada para garantir a asistencia dos seus fillos.
Desde a plataforma sanitaria da Mariña e as familias afectadas denúnciase que este modelo de xestión por parte do SERGAS e da Consellería de Sanidade deixa desprotexido o medio rural e prexudica seriamente a calidade de vida nas vilas.
Esta falta de cobertura súmase ademais aos atrasos noutras especialidades na área sanitaria, onde hai pacientes que acumulan máis de tres anos á espera doutras consultas externas, o que os manifestantes definen abertamente como unha situación de «abandono asistencial».
As familias e colectivos organizadores anuncian que manterán as mobilizacións e as medidas de presión ata que se garanta a presenza dun pediatra a tempo completo no Centro de Saúde de Foz