A Xunta de Goberno Local aproba o expediente e os pregos para contratar este servizo durante cinco anos. O control xa estaba previsto no contrato inicial, de agosto de 2022.
A limpeza das rúas e a recollida de residuos son dous dos servizos municipais que máis inciden na vida diaria da veciñanza e na imaxe que proxecta a cidade. Por iso, resulta fundamental que o Concello dispoña de ferramentas para comprobar de forma independente a calidade dos servizos que se prestan. Con este obxectivo, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente para contratar un sistema externo de control de calidade dos servizos de recollida de residuos, xestión do punto limpo e limpeza viaria, cun orzamento de licitación de 603.323,85 euros e unha duración de cinco anos.
O novo sistema permitirá realizar inspeccións, medicións e comprobacións sobre o funcionamento dos servizos, verificar o cumprimento das condicións do contrato e prestar asistencia técnica ao Concello para determinar, cando corresponda, posibles deducións ou penalidades por incumprimentos. Trátase de contar con información obxectiva e criterios técnicos para avaliar a calidade do servizo e esixir que se preste nas condicións contratadas.
Cómpre lembrar que este control externo xa estaba previsto no contrato principal de limpeza e recollida de residuos desde a súa adxudicación o pasado 1 de agosto de 2022. A empresa concesionaria, a UTE formada por COPASA, GESECO e SETEC BUILDING (Ecolugo), asumira o compromiso de achegar anualmente ao Concello unha cantidade equivalente ao 1 % do valor anual do contrato, IVE incluído, precisamente para financiar este mecanismo de supervisión.
Porén, o informe de Intervención advirte de que non consta na contabilidade municipal o ingreso das cantidades correspondentes ás tres primeiras anualidades, que ascenden a 389.454,85 euros. O mesmo informe sinala que non se esixiron coa debida antelación os pagamentos comprometidos pola empresa.
É dicir, unha ferramenta de control que xa debía estar implantada desde o inicio do contrato non chegou a poñerse en marcha durante as tres primeiras anualidades. Agora, o Concello impulsa a súa contratación específica para dotarse dun sistema de supervisión técnica independente e continuada, que permita controlar o servizo, comprobar o cumprimento das obrigas da concesionaria e actuar cando se detecten deficiencias.
A contratación tramitarase mediante procedemento aberto, suxeito a regulación harmonizada, coa correspondente publicación no Diario Oficial da Unión Europea e na Plataforma de Contratación do Sector Público.
Persoal
No ámbito de persoal, a Xunta de Goberno Local aprobou a cobertura temporal, mediante comisión de servizos, do posto de adxunta do Servizo de Xestión Urbanística. A praza atópase vacante temporalmente e a súa cobertura considérase necesaria para garantir o funcionamento da unidade. A convocatoria pública realizouse o pasado 23 de xullo e presentouse unha candidatura, a dunha funcionaria municipal adscrita a Urbanismo, que conta cun informe favorable do director xeral de Urbanismo. O nomeamento terá unha duración máxima dun ano, prorrogable por outro ano.
Outros acordos de xestión municipal foi a aprobación e a ampliación do contrato de conservación e mantemento dos campos municipais de fútbol e béisbol para incorporar as instalacións de herba artificial As Gándaras I e As Gándaras II. A modificación supón un incremento anual de 13.697,20 euros, IVE incluído, e permitirá aplicar nestes dous campos os mesmos traballos de mantemento que xa se realizan en Luis López Gorgoso e A Cheda. A medida busca garantir o bo estado das instalacións, reducir riscos para as persoas usuarias e prolongar a súa vida útil.
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén modificar a base do Orzamento municipal de 2026 relativa a unha subvención nominativa de 19.000 euros destinada ao servizo de interpretación en lingua de signos e ao mantemento do local social. A modificación consiste en substituír ALUSOR como entidade beneficiaria por ASORLU. O cambio prodúcese despois de que ALUSOR renunciase á axuda ao non prestar durante este exercicio o servizo de intérprete de lingua de signos e, polo tanto, non poder xustificar a subvención. ASORLU comunicou que si prestou este servizo durante 2026 e que dispón dos gastos xustificativos correspondentes. A modificación non supón un incremento do gasto municipal.
Outros acordos de xestión municipal foi a aprobación e a ampliación do contrato de conservación e mantemento dos campos municipais de fútbol e béisbol para incorporar as instalacións de herba artificial As Gándaras I e As Gándaras II. A modificación supón un incremento anual de 13.697,20 euros, IVE incluído, e permitirá aplicar nestes dous campos os mesmos traballos de mantemento que xa se realizan en Luis López Gorgoso e A Cheda. A medida busca garantir o bo estado das instalacións, reducir riscos para as persoas usuarias e prolongar a súa vida útil.