Vigo acolle a proxección “O banco que se creou sen diñeiro”

Fiare Banca Etica convida a reflexionar sobre o papel esperanzador das finanzas éticas e a economía social na nosa sociedade actual.

O vindeiro xoves 12 de novembro, ás 19:30 horas, as persoas socias de Fiare Banca Etica en Galiza convidan á cidadanía e aos colectivos do territorio a participar da proxección do documental “O Banco que se Creou sen Diñeiro”. Unha pequena curta que repasa a historia de Fiare Banca Etica como axente dinamizador das finanzas éticas e das oportunidades que ofrece a Economía Social e Solidaria para o futuro próximo.

O acto celebrarase no Café UF (rúa do Pracer, 19, Vigo) e contará cun coloquio posterior á proxección onde representantes de Fiare Banca Etica e as persoas asistentes poderán debater sobre  o momento actual e debuxar camiños de futuro cara a unha economía máis xusta, sostible e centrada nas persoas.

As finanzas éticas e a economía social promoven un modelo económico que pon a vida no centro, combinando solidez, responsabilidade e pracer polo ben común.  Hoxe, máis de 50.000 persoas socias apoian o proxecto de Fiare Banca Etica, un banco que dá crédito ás persoas e ao planeta. Grazas a esta implicación, xa se teñen financiado iniciativas que melloran a vida de miles de persoas: máis de 179.000 beneficiarias de servizos sanitarios e socioeducativos; máis de 15.000 eventos culturais; e máis de 21.000 toneladas de residuos reciclados e recuperados. En total, máis de 2.800 millóns de euros que os clientes confían para construír un mundo mellor.

Mais a transformación continúa.

👉 Ven e participa!

Porque outra economía é posible, e constrúese xuntas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios