A visita, a cargo do grupo Achádego, celebrarase o domingo 15 de novembro ás 17.30 horas e será gratuíta, con 50 prazas dispoñibles.
O cemiterio municipal de San Froilán retomará as visitas teatralizadas o vindeiro domingo, 15 de novembro, cunha proposta que permitirá achegarse a algunhas das personaxes máis singulares que forman parte da memoria popular de Lugo.
Baixo o título «Persoeiros peculiares que deixaron pegada na historia lucense», o grupo de teatro Achádego dará vida a homes e mulleres que, pola súa personalidade e as súas particulares formas de entender a vida, se afastaban das normas sociais da súa época, pero que deixaron lembranzas e anécdotas na cidade.
Entre as historias que se recuperarán están as de Madalena da Ponte, unha muller libre e afeccionada ao viño; Caín o da Lotaría, coñecido vendedor de lotería; Mercedes a Petateira, considerada posiblemente unha das últimas maleteiras de Galicia; e Currinche, que se presentaba como «mestre de esgrima» e era coñecido pola súa habilidade para conseguir cartos dos demais. Todos eles forman parte deses personaxes populares que aínda hoxe permanecen na memoria de moitos lucenses.
A proposta combina historia, memoria e interpretación teatral, cunha mirada amena e chea de humor sobre persoas que, coas súas particularidades, contribuíron a construír a identidade e os recordos colectivos da cidade.
A actividade dará comezo ás 17.30 horas no cemiterio municipal de San Froilán e será gratuíta, cun aforo máximo de 50 persoas.
Esta nova convocatoria dá continuidade á programación cultural do recinto, que esta fin de semana acolleu a representación de «Don Juan», a cargo dogrupo Palimoco, cunha notable afluencia de público.
As visitas teatralizadas permiten descubrir o cemiterio desde unha perspectiva diferente, achegando á cidadanía historias, personaxes e aspectos da memoria lucense a través da cultura e do teatro.