O Festigual enche a fin de semana de teatro inclusivo, funcións escolares, espectáculos familiares e saúde comunitaria na Coruña

O FESTIGUAL, organizado pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña, encara unha nova fin de semana na súa décima edición, cunha ampla programación de teatro, música, cinema e actividades participativas que se estenderán por diferentes espazos da cidade, con propostas de acceso gratuíto.

Unha das principais citas será o venres 13 de novembro, ás 20:30 horas, no Centro Ágora, coa representación de Soño dunha noite de verán, a cargo de Muxicas, o grupo de teatro da ONCE. A compañía levará ao escenario unha adaptación do clásico de Shakespeare que convida a descubrir a obra desde a diversidade e a escoita.

Tamén o venres, K’paparota Teatro presentará Inverno na lavandaría no Fórum Metropolitano, cunha primeira función escolar e outra aberta ao público o sábado 14, ás 18:00 horas. Trátase dunha proposta poética e sensorial para crianzas a partir dos tres anos. A programación familiar completarase con Artecendo comunidade en familia, un obradoiro artístico inclusivo da ONG ¿Por Qué No?, que terá lugar o venres, de 17:00 a 19:00 horas, no Fórum Metropolitano.

Da música á saúde: unha programación para todos os públicos

As actividades comezan xa este xoves 12 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Ágora, con O son das emocións: unha escoita a cegas, un concerto que reunirá á Banda Municipal de Música da Coruña, Robert Pier, Diversos Funcionais e Sabela Ramil para experimentar a música desde outras formas de percepción e escoita.

Este mesmo xoves, Noite Bohemia representará ás 12:00 horas no Centro Penitenciario de Teixeiro El sorteo de Cásina, unha comedia de Plauto dirixida ás persoas internas. A xornada contará tamén cun obradoiro de dramaterapia, que explora as posibilidades do teatro como ferramenta de expresión.

O sábado 14, de 12:00 a 18:00 horas, La Barra Bar acollerá unha mostra de DJ inclusivo, da man de Negus, que reunirá diferentes propostas musicais nun ambiente aberto á participación.

O cinema estará presente co ciclo Un plano diferente, que ofrecerá no Fórum Metropolitano varias proxeccións de 100 metros, de Marcel Barrena, o xoves 12 e venres 13 ás 20:00 horas, e o sábado 14 ás 17:30 e ás 20:00 horas.

A programación complétase coas VI Xornadas de Arte e Saúde, que se desenvolverán os días 12, 14 e 16 de novembro, con actividades no Museo de Belas Artes, no Hospital Marítimo de Oza e na Facultade de Ciencias da Saúde da UDC. Un encontro arredor do papel das artes na humanización sanitaria, a saúde comunitaria e a inclusión social.

As actividades de FESTIGUAL son de balde, ata completar capacidade ou con inscrición previa segundo a proposta, coa excepción das sesións do ciclo de cinema, que manteñen as tarifas habituais do Fórum Metropolitano.

FESTIGUAL continuará ata o 19 de novembro en diferentes espazos da Coruña. A programación completa, os horarios e as condicións de acceso están dispoñibles en www.festigual.gal

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios