A Deputación da Coruña promociona a oferta turística da provincia na feira Intur de Valladolid

A área de Turismo participa no encontro cun espazo expositivo propio, unha demostración de cestería tradicional en directo e presenza no mercado profesional Intur Negocios.

A Deputación da Coruña participa na edición de 2026 da feira internacional de turismo de interior, Intur, que se celebra en Valladolid do 12 ao 15 de novembro, cunha proposta de promoción turística da provincia baixo o lema «A paisaxe que sabe». A iniciativa busca dar a coñecer os atractivos turísticos do territorio coruñés, poñendo en valor a súa identidade, a riqueza das súas paisaxes e a conexión entre natureza, cultura, tradición e gastronomía.

A institución provincial conta cun stand propio no que ofrece información turística sobre os distintos destinos e recursos da provincia, así como propostas para descubrir un territorio diverso, no que o patrimonio natural e cultural, os produtos locais e as experiencias vinculadas ao territorio constitúen algúns dos seus principais sinais de identidade.

A programación inclúe tamén unha demostración de cestería en directo a cargo de Caravel Ecocestos, que permitirá achegar ao público unha mostra deste oficio tradicional e do traballo artesanal vinculado aos recursos naturais e aos saberes propios do territorio. Unha actividade que conecta coa filosofía de «A paisaxe que sabe», unha maneira de entender o turismo desde a autenticidade, a identidade e o aproveitamento respectuoso dos recursos locais.

Ademais da presenza no espazo expositivo, a Deputación da Coruña participa no mercado profesional Intur Negocios, cun posto específico na zona B2B. Este espazo está orientado ao contacto directo con empresas, operadores turísticos e profesionais do sector, co obxectivo de establecer relacións comerciais, xerar oportunidades de colaboración e ampliar a proxección da oferta turística da provincia nos mercados especializados.

Con esta participación en Intur 2026, a Deputación da Coruña reforza a súa aposta pola promoción exterior dun modelo turístico sustentable, diversificado e vinculado ao territorio, que pon en valor os recursos propios e contribúe a posicionar a provincia como un destino de experiencias auténticas durante todo o ano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios