Difícil saída a León do Ineltrón Santo Domingo Betanzos

O Caja Rural RDL ocupa a cuarta posición do grupo

Nova saída do Ineltrón Santo Domingo Betanzos e nova ocasión de intentar sumar unha vitoria que o achegue a postos máis tranquilos da clasificación. Porén, a misión non vai ser nada doada. En León espera o Caja Rural RDL, cuarto clasificado na liga con 4 vitorias e 2 derrotas, con moitas ganas de resarcirse da derrota sufrida en Mieres na última xornada fronte a un dos equipos, a priori, da zona baixa. O conxunto leonés, todo un clásico na competición, conta cun bloque consolidado no que destacan dous novos debutantes na categoría, os mozos Fernando Salvadores (2007) e Angel Guijarro (2008), con 14 e 18,7 puntos por partido, respectivamente, aos que se suma a achega de xogadores máis veteranos coma Dominguez Iturza ou o xogador bosnio, con percorrido en varios clubs da categoría (Albacete, Andorra, Tormes, Gijón, Talavera…), o base de 2 metros Sandro Gacic.

Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, adestrador dos betanceiros: “O encontro de León é unha oportunidade para sumar unha nova vitoria. Desenvolven un xogo con moita intensidade tanto en ataque coma en defensa. Creo que se estamos fortes en defensa, dominamos o rebote e somos capaces de impoñer o noso xogo de ataque, competiremos o partido”.

O encontro terá lugar o sábado 14 no pavillón de deportes San Esteban, de León, ás 20,30h, e será retransmitido por BalONcesto TV.

Citas contra Basquet Coruña, derby na canteira e partido de altura das cadetes.

Polo demais, a xornada do 14-15 de novembro trae unha tripla cita contra o Basquet Coruña (as infantís de Warnier visitan Riazor o sábado ás 12h, os cadetes de J. Caamaño Arquitecto farán o propio o día seguinte á mesma hora e os júnior esperan na casa ao rival o domingo ás 17h) e un interesante derby mariñán para a mañá do sábado ás 12h no “Tocayo”: o conxunto infantil masculino recibe ao Golfiños As Brañas, da veciña localidade de Sada. Ademais, as cadetes de Decornaveira xogan no Burgo contra Culleredo o sábado ás 17h., no que promete ser un disputado partido polo primeiro posto provisional do grupo.

No que toca á canastra pequena, os premini masculino xogan no Agra o sábado ás 17.30h contra Culleredo, os alevíns 2015 contra Calasanz no mesmo escenario ás 19h e os 2016 o domingo ás 17.30h contra Maristas Cristo Rey na Sagrada Familia.

Pecha a xornada o equipo de Segunda Autonómica, que recibe na casa o domingo ás 19h ao Arteixo Duacode.

Comparte éste artículo
No hay comentarios