A iniciativa, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e máis polo Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, e financiada pola Fundación L. Monteagudo, arrancou esta semana coa participación de alumnado dos colexios Belén e Arenales Compañía.
O Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol acolleu esta semana as primeiras sesións dos “Laboratorios Castrexos”, unha proposta educativa que busca achegar a arqueoloxía, a cultura castrexa e o patrimonio histórico ao alumnado dos centros educativos da comarca de Ferrolterra a través da experimentación e da aprendizaxe práctica. A proposta está promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, e financiada pola Fundación L. Monteagudo.
O alumnado de 3º de Educación Primaria do Colegio Belén de Ferrol, un total de 25 nenos e nenas, participou, este xoves 12 de novembro, no laboratorio “As pegadas do barro”. Esta actividade permitiulles descubrir como vivían as comunidades castrexas e coñecer mellor o traballo dos arqueólogos e arqueólogas, tomando como referencia o Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro. Na parte práctica, a cativada elaborou as súas propias pezas de cerámica, experimentando con diferentes técnicas de modelado e de decoración.
Pola súa banda, hoxe, venres 13 de novembro, achegáronse ata o Campus Industrial de Ferrol 27 alumnos e alumnas de 1º de Educación Primaria do Colegio Arenales Compañía, situado tamén na cidade departamental, que participaron no laboratorio “Construímos un poboado castrexo”. Da man dunha actividade creativa e colaborativa, os nenos e nenas descubriron como eran os antigos castros e construíron un pequeno asentamento a partir das súas propias creacións.
Os traballos realizados nestes obradoiros contribuirán á creación do Museo Colectivo Castrexo, un espazo expositivo compartido que irá medrando coas achegas dos distintos grupos participantes e que permitirá descubrir e interpretar diferentes aspectos da cultura castrexa. A programación continuará a próxima semana con dúas novas sesións dirixidas ao alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria do Colegio Belén de Ferrol.
Tres obradoiros gratuítos para centros educativos de toda Galicia
A programación dos “Laboratorios Castrexos” inclúe tres actividades ben diferenciadas. O primeiro laboratorio, “Construímos un poboado castrexo”, está dirixido ao alumnado de 1º e de 2º de Educación Primaria. Nel, os nenos e nenas aprenderán que é un castro e, pintando, recortando e pegando, crearán o seu propio poboado. O segundo laboratorio, “As pegadas do barro”, está pensado para o estudantado de 3º a 6º de Educación Primaria e de 1º da ESO. Neste obradoiro, a cativada descubrirá a importancia da cerámica na cultura castrexa e creará a súa propia peza.
A terceira proposta, “As orixes da moda”, incorporarase proximamente á programación e estará dirixida ao estudantado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º da ESO. A actividade permitirá que os nenos e nenas participantes se acheguen á indumentaria castrexa poñendo o foco nos tecidos e nos ornamentos. Tanto este laboratorio coma os dous anteriores estarán supervisados pola doutora en Protección do Patrimonio Cultural pola Universidade de Vigo (UVigo) e máis pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Lucía Brage Martínez, terán unha duración estimada de 90 minutos e ofertarán un máximo de 25 prazas.
Os “Laboratorios Castrexos” non contan cun calendario de sesións previamente establecido senón que se están a organizar en función das solicitudes presentadas polos centros educativos e a dispoñibilidade de espazos no Campus Industrial de Ferrol. A participación é totalmente gratuíta e está aberta a centros educativos de toda Galicia. Os centros interesados en inscribirse ou solicitar máis información poden chamar ao 881 013 820 ou ben enviar un correo electrónico a arqueodromo.ferrol@gmail.com.